jueves, 16 de junio de 2016

PROGRAMA DE BOLSAS FORMATIVAS PARA REALIZAR PROXECTOS DE MELLORA DAS PEMES GALEGAS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA


Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto a concesión de 100 bolsas para realizar prácticas formativas incardinadas en programas de mellora nas pemes galegas, coa finalidade de formar titulados universitarios en diversas áreas relacionadas coa profesionalización e co desenvolvemento estratéxico da empresa.
Os titulados e tituladas participarán nun itinerario formativo especificamente deseñado para a participación no programa e realizarán prácticas formativas baixo a tutela de axentes colaboradores do Igape en proxectos de mellora de pequenas e medianas empresas, apoio ao emprendedor ou proxectos colaborativos de asociacións ou clústers empresariais, período durante o cal recibirán formación e titorización directamente por parte do axente colaborador.
Persoas beneficiarias
Poderán presentar solicitude para acollerse a estas bolsas aqueles titulados e tituladas que cumpran os seguintes requisitos:
1. Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea e estar empadroado nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Cumprir os requisitos do artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser considerada persoa beneficiaria de subvencións.
3. Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións universitarias na data en que finaliza o prazo de presentación de solicitudes: Física, Enxeñaría, Matemáticas, Química, Administración e Dirección de Empresas, Economía, Dereito, Bioloxía/Biotecnoloxía e Farmacia. A titulación deberá terse obtido con posterioridade á data indicada na resolución de convocatoria.
Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros privados españois deberán estar homologados polo Ministerio de Educación español na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.
4. Non ter desfrutado con anterioridade de ningunha outra bolsa do Igape.
5. Non ter desfrutado doutra bolsa concedida por outros organismos. Exceptúanse as bolsas de estudos desfrutadas durante os anos escolares ou universitarios.
6. Non ter desempeñado con anterioridade ningún traballo profesional para o cal se requirise a mesma titulación exixida nesta convocatoria, en virtude de calquera tipo de contrato laboral de duración igual ou superior a seis meses, o que se acreditará mediante informe de vida laboral da Seguridade Social.
7. Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que imposibilite o cumprimento das súas obrigas como bolseiro.
8. Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma. O cumprimento deste requisito acreditarase cubrindo no formulario telemático a declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma, de acordo co establecido no artigo 51.d) da Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.