miércoles, 29 de junio de 2016

PREMIOS DE RESPONSABILIDAD SOCIAL EMPRESARIAL DE GALICIA

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto
Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e convocar os premios de responsabilidade social empresarial de Galicia (Premios RSE Galicia) para o ano 2016.
Requisitos das entidades candidatas
1. Poderán optar aos premios de responsabilidade social empresarial de Galicia (Premios RSE Galicia), de acordo co artigo 3 do Decreto 156/2014, do 4 de decembro, as empresas públicas ou privadas galegas, ou que conten con centros de traballo en Galicia que, a través das súas políticas e sistemas de xestión, desenvolvan actuacións responsables nos ámbitos social, económico e/ou ambiental, demostrando así o seu compromiso activo coa sociedade, sempre que cumpran o establecido nesta orde de convocatoria.
2. Non ter sido sancionadas, con carácter grave ou moi grave, en calquera dos ámbitos descritos nesta orde, nos tres últimos anos anteriores a esta convocatoria.
3. Non poderán optar aos premios as entidades sen ánimo de lucro.
Candidaturas
As candidaturas poderán ser presentadas polas propias empresas que opten a estes premios ou por outra entidade que as propoña. Neste último caso, a Secretaría Xeral de Emprego informará a empresa de que foi proposta como candidata e esta deberá confirmar se quere participar.
Prazo
1. O prazo para a presentación das candidaturas será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
2. Non serán admitidas a trámite, en ningún caso, as candidaturas presentadas fóra do prazo e de forma distinta ao que se establece nesta orde.
3. A presentación de propostas ou, de ser o caso, a súa posterior aceptación, leva consigo o sometemento ao establecido nesta convocatoria.
Categorías
De conformidade co artigo 5 do Decreto 156/2014, do 4 de decembro, os premios RSE Galicia, en función do tipo de empresa que opte a calquera das modalidades dos premios, contarán con tres categorías:
Categoría a), pequena empresa: para empresas que ocupen ata 50 persoas, inclusive.
Categoría b), mediana empresa: para empresas que ocupen máis de 50 e ata 250 persoas, inclusive.
Categoría c), grande empresa: para empresas que ocupen máis de 250 persoas.
Modalidades ou recoñecementos
Os premios RSE Galicia contarán con catro modalidades ou recoñecementos, segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 156/2014, do 4 de decembro:
a) Recoñecemento no ámbito social.
b) Recoñecemento no ámbito ambiental.
c) Recoñecemento no ámbito económico.
d) Recoñecemento no ámbito da conciliación laboral, familiar e persoal e promoción da igualdade de xénero.