lunes, 27 de junio de 2016

AXUDAS PARA O ESTABLECEMENTO DE SISTEMAS AGROFORESTAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL


Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para o establecemento de sistemas agroforestais, para o fomento de plantacións de castiñeiro para froito (procedemento MR674A), en réxime de concorrencia competitiva, e proceder á súa convocatoria para o exercicio orzamentario 2016.
2. Serán elixibles as actuacións localizadas en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, a excepción das parroquias densamente poboadas dos grandes concellos de Galicia, de acordo co establecido no número 8.1 do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e con exclusión:
a) Dos bosques ou outras superficies forestais que sexan propiedade da Administración central ou autonómica.
b) Dos bosques e outras superficies forestais propiedade da Coroa.
c) Dos bosques que pertenzan a empresas públicas.
d) Dos bosques propiedade de persoas xurídicas cando polo menos o 50 % do seu capital pertenza a algunha das institucións anteriormente citadas.
3. Estas axudas ampáranse nos artigos 21.1.b) e 23 do Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello (DOUE do 20 de decembro de 2013, L347).
4. Estas axudas tramitaranse ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 aprobado pola Decisión de execución da Comisión do 18 de novembro de 2015.
Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde as sociedades de fomento forestal, os propietarios particulares de forma individual, as sociedades ou agrupacións de propietarios particulares legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, as cooperativas agrarias, os proindivisos, os de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, as entidades locais, outras persoas xurídicas ou as comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC).
2. Os beneficiarios serán persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores. Non se admite a cesión por parte do propietario do terreo a un terceiro.
3. Os beneficiarios deben cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. Para poder acceder a estas subvencións, as CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no rexistro provincial de montes veciñais en man común, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, con xunta reitora ou equivalente actualizada, e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, no momento da solicitude da axuda.
5. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 2, número 18 do Regulamento (UE) nº 651/2014. Conforme este regulamento, unha empresa está en crise cando concorre, polo menos, unha das seguintes circunstancias:
a) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.
b) Tratándose dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.
c) Cando a empresa estea inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia a pedimento dos seus acredores.
As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise, salvo que cumpran a condición establecida na alínea c).
Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se atopan en situación de crise conforme a normativa comunitaria e a veracidade desta declaración comprobarase nos controis sobre o terreo que se realicen.
6. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente despois dunha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.