miércoles, 8 de abril de 2015

AXUDAS A ESTUDANTES UNIVERSITARIOS PARA COÑECER IDIOMAS EN PAISES DA U.E. NO VERÁN

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Obxecto
O obxecto desta orde é convocar en réxime de concorrencia competitiva 150 axudas para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea durante o verán de 2015, do alumnado universitario matriculado no curso 2014/15 nalgunha das tres universidades do Sistema universitario de Galicia ou nos centros asociados da UNED en Galicia coa finalidade de coñecer a lingua dese país.
Período e dotación da axuda
1. As actividades para as cales se solicita a axuda terán que ser realizadas no período comprendido, exclusivamente, entre o 15 de xuño e o 31 de agosto de 2015, ambos inclusive.
2. A dotación económica asignada a cada beneficiario/a será dun máximo de 900 euros.
Requisitos dos/das solicitantes
1. Poderá solicitar estas axudas o alumnado universitario que cumpra os seguintes requisitos:
a) Estar matriculado no curso 2014/15, como mínimo en 50 créditos, incluído neles o proxecto fin de carreira, en calquera das universidades do Sistema universitario de Galicia, ou nos centros asociados da UNED en Galicia en estudos conducentes ao título de graduado, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico, e ter superado 60 créditos con anterioridade á data de publicación da orde na titulación que está a realizar.
b) O curso de idiomas debe ter unha duración mínima de tres semanas, cun mínimo de 15 horas lectivas semanais. O idioma que se desexe cursar deberá corresponderse co idioma oficial do país elixido.
2. Quedan excluídos/as desta convocatoria:
a) Os/as alumnos/as que xa resultasen beneficiarios/as desta axuda en anteriores convocatorias.
b) Os/as alumnos/as que durante o curso 2014/15 sexan adxudicatarios/as dunha bolsa do programa comunitario de mobilidade Erasmus+, sempre e cando a estadía que pretendan realizar sexa para perfeccionar a lingua oficial do país en que se está a desenvolver o devandito programa.
Prazo de solicitude: ata o 8 de maio de 2015.



martes, 7 de abril de 2015

SUBVENCIÓNS PARA A EXECUCIÓN DE PROXECTOS DE ACCIÓN HUMANITARIA NO EXTERIOR

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto
1.1. O obxecto destas bases é a regulación da concesión de subvencións ás organizacións non gobernamentais para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior.
1.2. Enténdense por proxectos de acción humanitaria, consonte a iniciativa da boa doazón humanitaria (GHD, nas súas siglas en inglés), aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois das crises –provocadas por seres humanos ou por desastres naturais–, así como os destinados á prevención e reforzo da capacidade de resposta para cando se produzan estas situacións.
A acción humanitaria debe guiarse polos principios de humanidade, imparcialidade, neutralidade e independencia.
Entidades beneficiarias
2.1. Poderán optar a esta subvención as organizacións non gobernamentais que estean inscritas na sección A do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento e que teñan entre os seus fins o desempeño de actuacións de acción humanitaria ou que demostren contrastada experiencia neste sector.
2.2. Poderán ter acceso á subvención as agrupacións de entidades.
Requisitos dos proxectos.
a) Ter unha duración máxima de 12 meses, rematará a súa execución antes do 31 de decembro do 2015 e poderá estar iniciado desde o 1 de xaneiro do 2015.
b) Que se identifiquen contrapartes ou socios locais que participen responsablemente na execución material do proxecto e na xestión dos recursos, e constará expresamente o seu compromiso co proxecto. Poderá considerarse como socio local a propia ONGD en terreo, sempre e cando estea legalizada no país de actuación.
c) Que o proxecto estea deseñado para responder a necesidades humanitarias priorizando a poboación con base na súa vulnerabilidade, sen que se discrimine por razón de raza, sexo, relixión, cultura ou orixe.
d) O orzamento dos proxectos deberá cumprir co que establece o artigo 6 «gastos do proxecto» desta convocatoria.
e) A achega do resto dos financiadores do proxecto (excluída a Xunta de Galicia) non pode ser ao 100 % valorizados.
Prazo de solicitude
Ao ser unha convocatoria de carácter permanente, a solicitude poderá presentarse ao longo do ano, a partir do día seguinte ao da publicación destas bases, de acordo co procedemento excepcional que establece o artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o cal «as bases reguladoras poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4 da presente lei».

lunes, 6 de abril de 2015

AXUDAS A CONTRATRACIÓN DE SEGUROS AGRARIOS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR


Obxecto e beneficiarios
1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios incluídos no Plan de seguros agrarios combinados para o exercicio 2015 e convocalas para o mesmo ano, ao abeiro do previsto no Decreto 332/1995, do 27 de decembro, polo que se establecen na Comunidade Autónoma galega axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios.
2. A Consellería do Medio Rural e do Mar concederá estas axudas en réxime de concorrencia e poderán ser beneficiarios delas os asegurados titulares de explotacións agrarias situadas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e sempre que subscriban pólizas de seguros de liñas agrícolas do Plan 2015 e liñas gandeiras dos plans 2014 e 2015, formalizadas no 2015, e cumpran o establecido no Decreto 332/1995 e nesta orde. Tamén poderán ser beneficiarios das axudas outorgadas nesta orde os titulares de explotacións de acuicultura continental.
3. As subvencións a que fai referencia esta orde non serán de aplicación nas pólizas de seguros contratadas por grandes empresas e empresas dedicadas á transformación e comercialización de produtos agrícolas, de conformidade co establecido nas vixentes directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario e forestal.
Para os efectos de identificar as grandes empresas, terase en conta a definición de pequena e mediana empresa contida no anexo I do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.
4. Segundo o establecido no número 2 do artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, estas axudas exceptúanse do requisito de fixar unha orde de prelación das solicitudes, procedéndose ao pagamento destas ata o esgotamento do orzamento consignado.
5. As subvencións establecidas nesta orde non serán de aplicación nas pólizas de seguros contratadas por asegurados que, de acordo co artigo 2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, teñan a consideración de administracións públicas.
Entidades aseguradoras autorizadas
1. A subscrición do seguro realizarase exclusivamente a través das entidades aseguradoras autorizadas polo Ministerio de Economía e Competitividade e incluídas na Agrupación Española de Entidades Aseguradoras dos Seguros Agrarios Combinados, S.A. (Agroseguro), ou a través dos axentes de seguros autorizados, de conformidade co previsto na Lei 87/1978, do 28 de decembro, de seguros agrarios combinados, e demais normativa de desenvolvemento.
2. A contratación con estas entidades poderase realizar de forma individual ou ben de forma colectiva por medio de tomadores de seguros. Non obstante, soamente aqueles tomadores que se inscriban no Rexistro de Tomadores da Entidade Estatal de Seguros Agrarios (Enesa) poderán percibir as subvencións públicas adicionais que por contratación colectiva se establezan.
Procedemento e prazos de execución
1. A formalización da declaración do seguro considerarase solicitude de axuda, sempre que se realice dentro dos períodos de subscrición establecidos pola normativa do plan anual vixente establecido polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e, ademais, se cumpran os distintos puntos referentes á subvención que se conteñan na declaración do seguro. En todo caso, na declaración do seguro especificarase, na parte de subvencións para comunidades autónomas, a expresión literal de «subvención da Comunidade Autónoma de Galicia».
2. A contratación da póliza de seguro constitúe unha declaración do asegurado de que reúne os requisitos exixidos nas normas reguladoras sobre subvencións e axudas públicas, de acordo cos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que non foron obxecto de resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro ou que, de ser o caso, se realizou o correspondente ingreso, e que dispón dos documentos que xustifican o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde para a concesión das subvencións.
En aplicación da dita Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a contratación da póliza de seguro polo solicitante implica a autorización deste para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento dos ditos requisitos a través de certificados telemáticos, salvo denegación expresa daquel.
3. No caso daquelas pólizas de seguro correspondentes á modalidade «renovable», terá a consideración de solicitude de subvención a póliza de seguro inicialmente subscrita mediante a formalización da declaración do seguro, conxuntamente co recibo de pagamento da correspondente anualidade. Neste senso, presumirase que o pagamento do recibo da póliza constitúe a manifestación da aceptación das condicións do seguro e de reunir os requisitos para a percepción das subvencións correspondentes.
4. As datas de inicio e o prazo de subscrición e formalización da correspondente póliza de seguro sinálanse de forma particular para cada liña de contratación no Plan anual para o ano 2015, onde constan as datas de inicio para a subscrición das pólizas de seguro de que se trate.

SUBVENCIÓN PROGRAMA IMPLANTACIÓN INFORME DE AVALIACIÓN DOS EDIFICIOS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS


ORDE do 9 de marzo de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do programa de apoio á implantación do informe de avaliación dos edificios do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

Réxime e obxecto
1. A convocatoria das subvencións do programa de apoio á implantación do informe de avaliación dos edificios para o exercicio 2015 réxese polo establecido nesta orde e pola demais normativa de aplicación.
2. Estas subvencións están destinadas a cubrir parte dos gastos dos honorarios profesionais derivados da emisión do informe de avaliación dos edificios e que debe achegarse no momento da presentación da solicitude da subvención.
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias destas subvencións as comunidades de propietarios e as agrupacións de comunidades de propietarios, legalmente constituídas, así como as persoas propietarias únicas de edificios de carácter predominantemente residencial, que conten co informe de avaliación do edificio antes de que finalice o ano 2016.
Para os efectos desta orde unicamente se considerarán como persoas propietarias únicas dos edificios as persoas físicas titulares do pleno dominio do edificio.
2. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias aquelas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 do xuño, e no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, nin aquelas ás cales se lles revogase algunha axuda deste ou dos anteriores plans de vivenda por causas que lles foran imputables.
3. As persoas beneficiarias deberán de acreditar que se atopan ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teñen pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, do Estado e da Seguridade Social.
4. Estes requisitos deberanse de cumprir no momento da presentación das solicitudes.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de 4 meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

miércoles, 1 de abril de 2015

AXUDAS A UNIVERSITARIOS DO SUG, CON DIFICULTADES ECONÓMICAS PARA CONTINUAR ESTUDOS

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Obxecto
O obxecto desta orde é convocar axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao alumnado que curse estudos universitarios conducentes ao título de graduado, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico e arquitecto técnico, no curso académico 2014/15, nas universidades do Sistema universitario de Galicia, cunha necesidade urxente de recursos económicos motivada por causas sobrevidas e imprevistas que lles impidan ou dificulten a continuidade dos seus estudos.
Requisitos dos/as solicitantes
Poderá solicitar estas axudas o alumnado universitario que cumpra os seguintes requisitos:
a) Necesidade urxente de recursos económicos para paliar a situación de emerxencia derivada dunha causa sobrevida e imprevista (orfandade absoluta; situación de desemprego, falecemento, falta de pagamento acreditada por denuncia ou sentenza de pensións alimenticias nos casos de separación ou divorcio, enfermidade grave, recoñecemento de incapacidade permanente absoluta para todo traballo dalgún dos sustentadores principais da unidade familiar; vítimas de violencia de xénero; vítimas de actos terroristas e outras circunstancias non recollidas que, sendo debidamente acreditadas, repercutan na situación socioeconómica familiar).
b) Que a situación sobrevida e imprevista acontecese durante o actual curso académico 2014/15. Entenderase por curso académico o comprendido entre o 1 de setembro de 2014 e o 31 de agosto de 2015.
c) Estar matriculado, no curso académico 2014/15, como mínimo en 50 créditos, en estudos universitarios presenciais conducentes ao título de graduado, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico e arquitecto técnico en calquera das universidades do Sistema universitario de Galicia.
d) Que a renda per cápita da unidade familiar non sexa superior ao importe anual da pensión non contributiva individual para o ano 2015 é dicir 5.136,60 euros (428,05 euros mensuais, incluída nesta contía a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias).
e) Non ter percibido esta axuda con anterioridade.
Prazo de solicitude
Prazo de presentación das solicitudes:
– Se a causa sobrevida e imprevista aconteceu con anterioridade á publicación desta orde, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
– Se a causa sobrevida e imprevista acontece con posterioridade á publicación desta orde, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde que aconteceu a causa sobrevida sendo, nestes casos, a data límite para a presentación das solicitudes o 30 de setembro de 2015, sen prexuízo do sinalado no artigo 3.b).

AXUDAS DE PROTECCIÓN INTEGRAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto, réxime e finalidade
1. O obxecto desta resolución é establecer as bases, que se inclúen como anexo, que rexerán a concesión das axudas previstas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as ditas axudas para o ano 2015.
2. A finalidade das axudas establecidas na antedita Lei orgánica é proporcionar apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero; a das indemnizacións previstas na Lei galega é facer valer o dereito recoñecido por sentenza xudicial ditada por xulgados e tribunais con sede no territorio galego.
Prazo de solicitude
O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de novembro de 2015 no caso da axuda establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e o 31 de outubro de 2015 para a indemnización recollida no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

AXUDAS DE APOIO ÁS MULLERES QUE SOFREN VIOLENCIA DE XÉNERO

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases, que se inclúen como anexo, que rexerán a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas económicas individuais de carácter periódico de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as ditas axudas para o ano 2015.
2. A finalidade destas axudas é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para tentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación en que corren perigo.
Prazo de solicitude
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de outubro de 2015.