jueves, 29 de octubre de 2026

SUBVENCIÓNS PARA A CONCESIÓN DIRECTA DE BOLSAS E AXUDAS PARA PERSOAS TRABALLADORAS DESEMPREGADAS QUE PARTICIPEN EN ACCIÓNS FORMATIVAS DO SISTEMA DE FORMACIÓN PROFESIONAL DOS GRAOS A, B OU C.

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 23 de outubro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B ou C, competencia deste departamento, ou de formación no traballo do Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal correspondentes aos exercicios 2026 e 2027 (código de procedemento TR301V).

Obxecto, finalidade e ámbito de aplicación
1. A orde ten por obxecto regular o réxime da concesión directa de subvencións por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en concepto de bolsas e axudas para as persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B ou C, ou de especialidades formativas do Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal, financiadas por esta consellería.
Non se inclúe no ámbito de aplicación desta orde a formación impartida nos programas integrados de emprego, nos obradoiros de emprego ou con fondos provenientes da Unión Europea.
2. Por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións, referidas ás accións formativas que se inicien no período comprendido entre o 1 de novembro de 2026, día da entrada en vigor desta orde, e o 31 de outubro de 2027 (ambos incluídos).

Persoas beneficiarias
1. Poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións en concepto de bolsas e axudas obxecto da presente convocatoria as persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas recollidas no artigo 1 e que reúnan os requisitos exixidos con carácter xeral nesta orde, así como os particulares establecidos para cada tipo de bolsa ou axuda.
2. Para os efectos desta orde, terá a consideración de persoa traballadora desempregada aquela inscrita no Servizo Público de Emprego de Galicia con situación laboral como non ocupada na data de inicio da acción formativa.
Tamén poderán obter a condición de beneficiarias as persoas traballadoras que, tendo a condición laboral de ocupadas, adquiran posteriormente a condición de persoas traballadoras desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia con situación laboral como non ocupada durante o período de desenvolvemento da acción formativa.
Neste caso, só terán dereito a percibir as axudas que lles poidan corresponder desde o primeiro día do mes seguinte a aquel en que adquiran a condición de persoa desempregada. No suposto de que desapareza o feito causante, perderase o dereito a percibir a axuda a partir do primeiro día do mes seguinte a aquel en que teña lugar esta situación.
A persoa beneficiaria debe comprometerse a manter os requisitos que lle permiten o acceso á subvención durante todo o período de tempo inherente ao recoñecemento de tal dereito, de tal maneira que, se deixase de cumprilos, estará obrigada a comunicalo por escrito ao órgano competente para resolver, no prazo de cinco días hábiles desde que se produza tal circunstancia.

Tipoloxía de bolsas e axudas
As tipoloxías de bolsas e axudas reguladas por esta orde son as seguintes:
– Bolsas de asistencia para os seguintes colectivos:
• Persoas con discapacidade recoñecida en grao igual ou superior ao 33 %.
• Membros integrantes dunha familia numerosa.
• Membros integrantes dunha familia monoparental.
• Vítimas de violencia de xénero.
– Axudas por participar na acción formativa:
• Para transporte público, urbano e interurbano, ou vehículo propio.
• Para manutención.
• Para aloxamento e manutención.
• Para conciliación.

Prazo de presentación de solicitudes
A persoa traballadora desempregada deberá presentar a súa solicitude no prazo dun mes desde a súa incorporación á acción formativa, ou desde que teña lugar o feito causante que determina o dereito.
A presentación da solicitude fóra de prazo dará lugar á súa inadmisión sen máis trámites.

Forma e lugar de presentación das solicitudes
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado do anexo I, procedemento TR301V, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Data de entrada en vigor da orde
A orde entrará en vigor o día 1 de novembro de 2026.