miércoles, 1 de abril de 2015

AXUDAS A UNIVERSITARIOS DO SUG, CON DIFICULTADES ECONÓMICAS PARA CONTINUAR ESTUDOS

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Obxecto
O obxecto desta orde é convocar axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao alumnado que curse estudos universitarios conducentes ao título de graduado, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico e arquitecto técnico, no curso académico 2014/15, nas universidades do Sistema universitario de Galicia, cunha necesidade urxente de recursos económicos motivada por causas sobrevidas e imprevistas que lles impidan ou dificulten a continuidade dos seus estudos.
Requisitos dos/as solicitantes
Poderá solicitar estas axudas o alumnado universitario que cumpra os seguintes requisitos:
a) Necesidade urxente de recursos económicos para paliar a situación de emerxencia derivada dunha causa sobrevida e imprevista (orfandade absoluta; situación de desemprego, falecemento, falta de pagamento acreditada por denuncia ou sentenza de pensións alimenticias nos casos de separación ou divorcio, enfermidade grave, recoñecemento de incapacidade permanente absoluta para todo traballo dalgún dos sustentadores principais da unidade familiar; vítimas de violencia de xénero; vítimas de actos terroristas e outras circunstancias non recollidas que, sendo debidamente acreditadas, repercutan na situación socioeconómica familiar).
b) Que a situación sobrevida e imprevista acontecese durante o actual curso académico 2014/15. Entenderase por curso académico o comprendido entre o 1 de setembro de 2014 e o 31 de agosto de 2015.
c) Estar matriculado, no curso académico 2014/15, como mínimo en 50 créditos, en estudos universitarios presenciais conducentes ao título de graduado, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico e arquitecto técnico en calquera das universidades do Sistema universitario de Galicia.
d) Que a renda per cápita da unidade familiar non sexa superior ao importe anual da pensión non contributiva individual para o ano 2015 é dicir 5.136,60 euros (428,05 euros mensuais, incluída nesta contía a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias).
e) Non ter percibido esta axuda con anterioridade.
Prazo de solicitude
Prazo de presentación das solicitudes:
– Se a causa sobrevida e imprevista aconteceu con anterioridade á publicación desta orde, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
– Se a causa sobrevida e imprevista acontece con posterioridade á publicación desta orde, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde que aconteceu a causa sobrevida sendo, nestes casos, a data límite para a presentación das solicitudes o 30 de setembro de 2015, sen prexuízo do sinalado no artigo 3.b).