martes, 7 de abril de 2026

PROGRAMA DE AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE VIVENDA EN GALICIA 2026

 Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 31 de marzo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para a adquisición de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento VI501A).

Obxecto, modalidades e réxime de concesión das axudas
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras do Programa de axudas para a adquisición de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia, que comprende as seguintes modalidades que se describen a continuación, as cales se tramitarán co código de procedemento VI501A:
Modalidade A: adquisición de vivendas situadas no ámbito dun centro histórico.
Modalidade B: adquisición de vivendas cualificadas definitivamente como vivenda protexida de protección autonómica de réxime xeral, especial ou concertado.
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2026.
3. A concesión das axudas recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na correspondente convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Requisitos das persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas recollidas neste programa as persoas físicas maiores de idade que reúnan os seguintes requisitos:
a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo ou Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que lle sexa de aplicación. No caso de estranxeiros non comunitarios, deberán contar coa autorización de estancia ou residencia en España.
b) Ter subscrito con posterioridade á data fixada na correspondente convocatoria un contrato privado ou, de ser o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda que cumpra os requisitos establecidos nestas bases. No caso da modalidade B, o contrato privado deberá estar visado pola área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda ou, de ser o caso, a escritura pública deberá conter as cláusulas obrigatorias derivadas da cualificación definitiva da vivenda.
c) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda adquirida no momento de presentación da correspondente solicitude, para o caso de dispoñer dunha escritura pública formalizada con anterioridade á referida data. Non obstante, no caso da modalidade A, o requisito do empadroamento só será exixible no momento da finalización das obras, para o suposto de que fose necesaria a súa rehabilitación.
d) Que os ingresos anuais das persoas que compoñen a unidade de convivencia cumpran os seguintes requisitos:
– No suposto da modalidade A, que os citados ingresos sexan iguais ou inferiores a 6,5 veces o IPREM.
– Na modalidade B, ter cumprido o requisito de ingresos que exixa a normativa reguladora das vivendas protexidas vixente no momento da súa adquisición.
e) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
f) Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
g) Que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda no territorio español. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito aquelas persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten non ter a súa dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, non poidan habitala por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón da discapacidade da persoa solicitante ou de calquera membro da súa unidade de convivencia.
2. Ademais dos requisitos sinalados no punto anterior, na modalidade B a persoa beneficiaria deberá ser adquirente ou adxudicataria, en primeira transmisión, e ter acreditado no correspondente expediente o cumprimento dos requisitos de acceso a unha vivenda protexida exixidos pola normativa reguladora destas vivendas.
3. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada unha das persoas propietarias deberá cumprir os requisitos sinalados neste ordinal para poder ser beneficiaria da axuda.

Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes comezará unha vez transcorridos cinco días hábiles desde o seguinte ao da publicación da resolución no DOG. No suposto de que o primeiro día do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o primeiro día hábil seguinte.
O prazo rematará o 15 de outubro de 2026 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario. Este esgotamento, en caso de se producir antes do 15 de outubro de 2026, farase público no DOG mediante resolución da persoa titular da dirección xeral do IGVS.
2. As solicitudes poderán presentarse desde as 9.00 horas do primeiro día de inicio do prazo ata as 14.00 horas do 15 de outubro de 2026.