Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Obxecto
Ofrecer seis axudas para o desenvolvemento de proxectos artísticos con acompañamento de mentoría a través de residencias. Para iso realizarase unha selección dun máximo de seis proxectos vinculados ás artes visuais, escénicas, musicais, deseño, investigación e curadoría cultural e artística, así como proxectos artísticos innovadores que utilicen medios dixitais e tecnolóxicos no seu proceso. A escolma realizarase en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva.
Persoas beneficiarias
Poderá participar nesta convocatoria calquera persoa física, estea ou non dada de alta no réxime especial de persoas autónomas, que desenvolva un proxecto artístico, vencellado ás artes visuais, escénicas, musicais, deseño, investigación e curadoría cultural e proxectos artísticos innovadores que utilicen medios dixitais e tecnolóxicos. Estas persoas deberán desenvolver as residencias de traballo nos espazos dispoñibles para este labor na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela, sempre que cumpra cos seguinte requisitos:
1. Cada proxecto pode ser presentado por unha persoa física individual, estea ou non dada de alta no réxime especial de persoas autónomas. Cada participante poderá presentar unha única solicitude e non se poderá optar a máis dunha axuda por solicitude. Os proxectos serán de creación específica, orixinais e inéditos.
2. De non cumprir con algún dos requisitos ou non poder executarse dentro do prazo determinado pola convocatoria, o proxecto quedará automaticamente excluído e procederá a devolución das cantidades xa desembolsadas da axuda.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes e da documentación será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.
Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro día do mes.