miércoles, 11 de junio de 2025

SUBVENCIÓNS PARA A PROMOCIÓN DE ACTUACIÓNS DE SERVIZOS SOCIAIS COMUNITARIOS E INCLUSIÓN SOCIAL 2025-2027

 Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 23 de maio de 2025 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades privadas de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social para os anos 2025 a 2027, cofinanciada parcialmente pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS631A).

Obxecto
O obxecto da convocatoria consistirá na concesión de subvencións ás entidades privadas de iniciativa social para a promoción das actuacións de servizos sociais comunitarios e de inclusión social nos anos 2025 a 2027 que, de conformidade coa Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, leven a cabo a través da atención ás persoas nos centros de inclusión e emerxencia social e a través do desenvolvemento das actuacións e/ou servizos na área de actuación dos servizos sociais comunitarios, de inclusión e, especificamente, da inclusión social e laboral da poboación inmigrante.

Entidades beneficiarias
Serán beneficiarias as entidades privadas de iniciativa social a que se refire o artigo 30 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos socias de Galicia, sempre e cando reúnan os seguintes requisitos:
a) Estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.
b) Carecer de ánimo de lucro. Para estes efectos acreditarase que non reparten beneficios, que no caso de liquidación ou disolución desta, o seu patrimonio se destina a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven o seu labor con carácter gratuíto, de conformidade co disposto nos seus estatutos e co disposto nos puntos 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.
c) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Non estar en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.
e) Dedicarse, con carácter preferente en concordancia cos seus estatutos, á realización de actuacións de servizos sociais comunitarios e de inclusión social nos anos 2025 a 2027 referidas á atención ás persoas nos centros de inclusión e emerxencia social, e ao desenvolvemento dos programas e/ou da prestación de servizos na área de actuación dos servizos sociais comunitarios, de inclusión e, especificamente, da inclusión social e laboral da poboación inmigrante.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. Os sábados e festivos considéranse inhábiles para todos os efectos.