Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Obxecto
1. Facer pública a convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas destinadas a subvencionar o funcionamento dos seguintes centros:
a) Escolas de música públicas das cales sexan titulares os concellos (código de procedemento ED314E).
b) Escolas de música privadas dependentes de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro que teñan entre os seus obxectivos a formación en ensinanzas de música que non conduzan a títulos académicos ou profesionais (código de procedemento ED314D).
2. Estes centros deberán estar radicados na Comunidade Autónoma de Galicia e as axudas destinaranse ao desenvolvemento das súas actividades docentes desde o 1 de xaneiro ata o 30 de xuño de 2025.
Entidades beneficiarias
1. Poderán solicitar estas axudas as persoas titulares das escolas de música sinaladas no punto anterior que conten coa correspondente autorización da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
2. Non poderán ter a condición de beneficiarias das axudas previstas nesta orde as corporacións locais ou institucións sen ánimo de lucro en que se dea algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Estas axudas serán compatibles con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Forma e prazo de presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados, o anexo A (ED314E), no caso das axudas a escolas de música públicas, e o anexo B (ED314D), no caso de axudas a escolas de música privadas sen ánimo de lucro, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. As solicitudes serán subscritas electronicamente pola persoa interesada ou pola persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.
3. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiaria da axuda, así como a aceptación da axuda.
4. Nos formularios normalizados, anexos A e B, deberán completarse obrigatoriamente todos os datos para os efectos de notificación, sinalando o concello solicitante, no caso das escolas de música públicas, ou a asociación ou fundación solicitante, no caso de escolas de música privadas dependentes de institucións sen ánimo de lucro, ou a persoa ou a entidade representante, segundo proceda; e indicando o correo electrónico e/ou teléfono móbil. Tamén será imprescindible que nos datos da escola de música se introduza o código do centro e o seu enderezo.
5. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal
Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico sereap@edu.xunta.gal
6. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de xullo de 2025.