Consellería do Medio Rural
Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas destinada a fomentar a recría de femias e machos das razas autóctonas de Galicia indicadas no anexo I da presente orde e proceder á súa convocatoria para o ano 2025.
Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as persoas físicas e xurídicas titulares de explotacións gandeiras situadas en Galicia, con exclusión das administracións ou entidades do sector público, que cumpran os seguintes requisitos:
1. Ser titulares dunha explotación que estea inscrita no libro xenealóxico das razas autóctonas de Galicia indicadas no anexo I na data de finalización do prazo de solicitude.
No caso de que se produza un cambio de titularidade durante o transcurso do prazo de solicitude, a persoa que debe solicitar a axuda ao novo titular da explotación.
En caso de fusión de explotacións xa existentes, considerarase a data de inicio da actividade a do titular con maior antigüidade.
As persoas solicitantes deberán sinalar no anexo de solicitude a raza ou razas para as que solicita axuda.
2. Deberán estar ao día no pagamento das cotas establecidas pola asociación de criadores oficialmente designada para levar o libro xenealóxico.
3. Ser explotación colaboradora do programa de cría e cumprir coas obrigas do libro xenealóxico e do citado programa.
4. Que a explotación estea de alta no Rexistro de Explotacións Gandeiras de Galicia na data de finalización do prazo de solicitude.
5. Comunicar á súa asociación as incidencias de todos os animais incluídos no libro xenealóxico relacionadas coas anotacións nos rexistros xenealóxicos e no programa de cría.
6. Rexistrar as femias e os machos nados na súa explotación no libro xenealóxico da raza, cumprindo coas obrigacións que fixa a súa regulamentación.
7. Cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no seu artigo 10.
8. Declarar no anexo II (anexo de solicitude) as axudas de minimis recibidas no período dos tres anos previos.
Solicitudes e prazo de presentación das mesmas
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo II dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.