lunes, 16 de junio de 2025

DÍA DA ATENCIÓN TEMPERÁ

 




CURSO DE APLICADOR/MANIPULADOR DE PRODUTOS FITOSANITARIOS NIVEL BÁSICO

 

Informámoslles de que a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias - AGACA é entidade autorizada pola Consellería do Medio Rural para a impartición dos cursos de Aplicador/Manipulador de productos fitosanitarios, nivel básico, tanto en modalidade presencial como en modalidade teleformación.

 

Mediante estes cursos homologados accédese ao correspondente carné oficial emitido pola Consellería do Medio Rural unha vez superado o correspondente exame oficial.


O número total de horas lectivas é de 25, que habitualmente facemos nunha semana en presencial. 

 

Na modalidade teleformación, podemos dar un prazo maior para a realización do curso, e o alumnado pode realizar a formación a través da plataforma en calquera momento do día, que teña dispoñibilidade, o que permite unha maior facilidade para realizar o curso, especialmente, nesta época do ano na que os agricultores e gandeiros están en momentos de gran carga de traballo. 

 

En todo caso, puntualizar que na modalidade de teleformación, hai que facer obrigatoriamente 9 horas en presencial, repartidas en dous días. Pero é unha modalidade ideal para persoas mozas con acceso a internet. Por tanto, tamén na modalidade presencial os alumnos deben ser dun concello ou concellos limítrofes para que poidan acceder ás 9 horas de formación presencial.


Podemos adaptar datas e horarios, estudando cada caso.
Para calquera información adicional, poden contactar con Berta Pérez, 611020719, berta.agaca@gmail.com ou con Loli Couso, tlf 609070135, loli@agaca.coop 

 

Agardamos chamada dos interesados que reúnan condicións de acceso.


OBRADOIRO DE EMPRENDEMENTO: FACTURA ELECTRÓNICA E FICHAXE DE EMPREGADOS

 

Obradoiro de Facturación Dixital e Fichaxe de Empregados que terá lugar Becerreá .

Data e hora: luns, 16 de xuño ás 19:00 horas

Lugar: Casa do Bico, Becerreá

Obradoiro gratuito. Ao final do mesmo haberá uns pinchos para compartir.

Os/as usuarios/as interesados poden inscribirse enviándome un WhatsApp ao 660.065.673. ou a través 

https://polosemprendemento.gal/calendar/obradoiros-de-emprendemento-factura-electronica-e-fichaxe-de-empregados-d117c423-c04e-45eb-a161-b5e721b57cf1


AXUDAS PARA A REALIZACIÓN DE RODAXES AUDIOVISUAIS EN GALICIA 2025

 Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 2 de xuño de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para a realización de rodaxes audiovisuais en Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CT207G).

Finalidade
A finalidade desta convocatoria é estimular e impulsar a execución de rodaxes audiovisuais en Galicia para, por un lado, fomentar a cadea de valor da industria do sector audiovisual galego co obxectivo de mellorar a súa competitividade, o crecemento sustentable, o mantemento do emprego de calidade das empresas e por outro, situar Galicia como escenario de rodaxes audiovisuais de nivel internacional.

Persoas beneficiarias
Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas (traballadoras autónomas) ou xurídicas, constituídas como produtoras audiovisuais independentes, dadas de alta cunha antigüidade mínima, e sen interrupcións, dun ano na epígrafe IAE 961.1, e cun centro de traballo ou oficina permanente de polo menos un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE, ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea. Cando a persoa xurídica sexa unha agrupación de interese económico (AIE), os requisitos citados deberán ser cumpridos polo menos por unha das empresas que a integran no momento da súa constitución.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes iniciarase aos sete días naturais contados desde o seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 1 de outubro de 2025.

PROGRAMA DE BENESTAR EN BALNEARIOS E DE AXUDAS PARA O ANO 2025

 Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 6 de xuño de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de estadías en prazas de establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia dentro do programa de Benestar en balnearios e de axudas para o ano 2025, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS607A).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de estadías de dez días en establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia no marco do programa Benestar en balnearios para o ano 2025 (código de procedemento BS607A), así como das correspondentes axudas en especie e proceder á súa convocatoria.

Persoas beneficiarias e requisitos
1. Poderán ser persoas beneficiarias do programa Benestar en balnearios para o ano 2025 aquelas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter 60 anos ou máis, ou ter 55 anos ou máis e posuír a condición de pensionista do sistema da Seguridade Social, polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións.
b) Estar empadroada e residir nalgún concello da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Valerse por si mesma para as actividades da vida diaria e atoparse en condicións de participar no programa.
d) Non padecer alteracións do comportamento que poidan afectar a convivencia normal nos establecementos, nin enfermidades transmisibles que supoñan risco de contaxio.
e) Non ter contraindicación médica para a recepción dos tratamentos termais.
f) Acadar, de conformidade co baremo establecido, a puntuación necesaria que lle permita acceder a algunha das prazas e quendas solicitadas.
g) Cumprir cos requisitos e obrigas establecidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. A persoa solicitante poderá participar na convocatoria da oferta de estadías e tratamentos do programa acompañada das seguintes persoas:
a) O seu cónxuxe, parella de feito ou persoa con que manteña unha unión estable e de convivencia cunha relación análoga á conxugal, sempre que esta cumpra os requisitos do número 1, agás o recollido na letra a).
b) Un fillo ou filla cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre que poida acudir sen apoio de terceira persoa, se desprace con autonomía, comparta o cuarto coas persoas proxenitoras solicitantes e cumpra os demais requisitos do número 1, agás o da letra a).
c) Calquera outra persoa con que desexe participar no programa, sempre que cumpra integramente os requisitos establecidos no número 1.
3. As persoas solicitantes terán que cumprir os requisitos establecidos na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte segundo o artigo 30.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiaria da axuda, así como a aceptación da axuda.


ESGOTAMENTO DE CRÉDITO DAS AXUDAS PARA ACTUACIÓNS DE CORRECCIÓN DE IMPACTOS PAISAXÍSTICOS DESTINADAS A PERSOAS FÍSICAS 2025

 Instituto de Estudos do Territorio

RESOLUCIÓN do 4 de xuño de 2025 pola que se dá publicidade ao esgotamento de crédito da convocatoria efectuada pola Resolución do 26 de novembro de 2024, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a persoas físicas e se establece a súa convocatoria para o ano 2025, tramitado como expediente anticipado de gasto (código de procedemento MT402A).

AXUDAS PARA A RECRÍA DAS RAZAS AUTÓCTONAS DE RUMIANTES AMEZADAS DE GALICIA 2025

 Consellería do Medio Rural

ORDE do 2 de xuño de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a recría das razas autóctonas de ruminantes ameazadas de Galicia e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR536C).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas destinada a fomentar a recría de femias e machos das razas autóctonas de Galicia indicadas no anexo I da presente orde e proceder á súa convocatoria para o ano 2025.

Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as persoas físicas e xurídicas titulares de explotacións gandeiras situadas en Galicia, con exclusión das administracións ou entidades do sector público, que cumpran os seguintes requisitos:
1. Ser titulares dunha explotación que estea inscrita no libro xenealóxico das razas autóctonas de Galicia indicadas no anexo I na data de finalización do prazo de solicitude.
No caso de que se produza un cambio de titularidade durante o transcurso do prazo de solicitude, a persoa que debe solicitar a axuda ao novo titular da explotación.
En caso de fusión de explotacións xa existentes, considerarase a data de inicio da actividade a do titular con maior antigüidade.
As persoas solicitantes deberán sinalar no anexo de solicitude a raza ou razas para as que solicita axuda.
2. Deberán estar ao día no pagamento das cotas establecidas pola asociación de criadores oficialmente designada para levar o libro xenealóxico.
3. Ser explotación colaboradora do programa de cría e cumprir coas obrigas do libro xenealóxico e do citado programa.
4. Que a explotación estea de alta no Rexistro de Explotacións Gandeiras de Galicia na data de finalización do prazo de solicitude.
5. Comunicar á súa asociación as incidencias de todos os animais incluídos no libro xenealóxico relacionadas coas anotacións nos rexistros xenealóxicos e no programa de cría.
6. Rexistrar as femias e os machos nados na súa explotación no libro xenealóxico da raza, cumprindo coas obrigacións que fixa a súa regulamentación.
7. Cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no seu artigo 10.
8. Declarar no anexo II (anexo de solicitude) as axudas de minimis recibidas no período dos tres anos previos.

Solicitudes e prazo de presentación das mesmas
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo II dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

miércoles, 11 de junio de 2025

CONVOCATORIA 5 POSTOS DE PERSOAL INVESTIGADOR NO MARCO DO PROGRAMA OPORTUNIUS

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 22 de maio de 2025 pola que se convocan cinco postos de persoal investigador, na modalidade de investigador distinguido, para as persoas beneficiarias dunha bolsa do Consello Europeo de Investigación (ERC), no marco do programa Oportunius (código de procedemento IN859A).

Obxecto da convocatoria
A presente convocatoria ten por obxecto a cobertura, baixo a modalidade de persoal investigador distinguido, de cinco prazas de investigador/a para persoas beneficiarias de bolsas do European Research Council (ERC): tres prazas (3) Starting Grant e dúas prazas (2) Consolidator Grant (anexo I).

Duración
O contrato terá duración determinada e a rescisión e mantemento do contrato supeditarase aos resultados derivados do proceso de avaliación establecido no capítulo II do título II do mencionado Decreto 64/2016, do 26 de maio, e na Orde da Consellería de Economía, Emprego e Industria, do 29 de agosto de 2018 (DOG núm. 181, do 21 de setembro).

Funcións do persoal investigador
O traballo para desenvolver consistirá na realización de actividades de investigación ou na dirección de equipos humanos, centros de investigación, instalacións e programas científicos e tecnolóxicos singulares de gran relevancia no ámbito do coñecemento de que se trate, no marco das funcións e obxectivos da Axencia Galega de Innovación.

Requisitos das persoas aspirantes
5.1. As persoas aspirantes deben reunir os requisitos seguintes:
a) Estar en posesión dunha bolsa ERC Starting Grant ou Consolidator Grant.
b) Ter a titulación de doutor/a ou equivalente.
c) Ter nacionalidade española, ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea ou ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as. Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións, poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores de idade dependentes. Así mesmo, poderán participar os estranxeiros con residencia legal en España.
d) Non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitacións físicas ou psíquicas incompatibles co desempeño das correspondentes funcións.
e) Ter feitos os dezaseis anos.
f) Non ter sido separado/a do servizo de calquera Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin atoparse inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas. As persoas aspirantes que non tivesen a nacionalidade española deberán acreditar, igualmente, non estar sometidas a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.
g) Non atoparse en situación de inhabilitación absoluta ou especial para os empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo ou escala de funcionario, ou para exercer funcións similares ás que desenvolvían no caso de persoal laboral, en que fose separado/a ou inhabilitado/a.
h) Dispoñer dun compromiso de acollida por parte dun organismo público de investigación de Galicia para que o/a investigador/a desenvolva a súa actividade nel. Neste compromiso, que deberá ser achegado pola persoa candidata, a institución de acollida comprometerase a asinar un convenio coa Axencia Galega de Innovación segundo establece o artigo 9 do Decreto 64/2016.
5.2. Os requisitos deberán cumprirse no momento da formalización do contrato.

Solicitudes e prazo de presentación
6.1. O prazo para presentar as solicitudes será de quince (15) días naturais, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
6.2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). No caso de persoas solicitantes estranxeiras co fin de proceder á solicitude e trámites por medios electrónicos designarán un representante con sinatura dixital en España. A solicitude deberá reunir todos os datos de identificación requiridos.
Esta convocatoria ten por destinatario o persoal investigador con bolsa ERC Starting Grant ou Consolidator Grant. As bolsas ERC teñen como finalidade apoiar proxectos de investigación na fronteira do coñecemento de calquera temática, xa sexan do mesmo país ou de calquera país do mundo sempre que desenvolvan o traballo nun ou varios dos Estados membros da UE ou dos países asociados.
Polo tanto, de acordo co sinalado polo artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a obrigatoriedade da presentación electrónica de solicitudes xustifícase no colectivo ao que se dirixe: persoal investigador de recoñecido prestixio nacional e internacional con bolsas do European Research Council (ERC).

PREMIOS EXTRAORDINARIOS DE EDUCACIÓN SECUNDARIA OBRIGATORIA AO RENDEMENTO ACADÉMICO CURSO 2024-25

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 3 de xuño de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan os premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico correspondentes ao curso 2024/25 (código de procedemento ED311D).

 Obxecto
Convocar, na Comunidade Autónoma de Galicia, os premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico (código de procedemento ED311D) correspondentes ao curso 2024/25. Esta convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, está dirixida ao alumnado que destacase polo seu rendemento académico na etapa de educación secundaria obrigatoria.

Persoas beneficiarias
Alumnado que cursase durante o ano académico 2024/25 cuarto curso de educación secundaria obrigatoria no réxime ordinario en calquera dos centros da Comunidade Autónoma de Galicia, que estea proposto polo equipo docente para a expedición do título de graduado en educación secundaria e obtivese no conxunto dos catro cursos de educación secundaria obrigatoria unha nota media igual ou superior a 9 puntos.

Prazo de presentación de solicitudes
1. Na primeira fase, matrícula na proba PEE, o prazo de presentación de solicitudes será de cinco (5) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde.
2. Na segunda fase, solicitude para optar á subvención do premio extraordinario de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico, o prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes a partir do día seguinte ao da publicación das listaxes de cualificacións definitivas da proba PEE.

SUBVENCIÓNS A FEDERACIÓNS DEPORTIVAS DE GALICIA PARA O DESENVOLVEMENTO DO PLAN CORRESPONSABLES 2025

 Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 27 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a federacións deportivas de Galicia para o desenvolvemento do Plan Corresponsables a través da realización de actividades de animación sociodeportiva, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento DE402B).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria de subvencións da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, en réxime de concorrencia competitiva, a federacións deportivas de Galicia, para o desenvolvemento do Plan Corresponsables a través de actividades de animación sociodeportiva.

Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias destas subvencións as federacións deportivas de Galicia inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

Prazo para presentar as solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO DO PERSOAL DOCENTES E INVESTIGADOR PARA O ANO 2025 DA UNIVERSIDADE DA CORUÑA

 Universidade da Coruña

RESOLUCIÓN do 2 de xuño de 2025 pola que se publica a oferta de emprego público do persoal docente e investigador para o ano 2025.

ÉPOCA DE PERIGO ALTO DE INCENDIOS

 Consellería do Medio Rural

ORDE do 2 de xuño de 2025 pola que se determina a época de perigo alto de incendios.

Artigo único. Época de perigo alto de incendios
Decláranse como época de perigo alto de incendios forestais durante o ano 2025 as datas comprendidas entre o 1 de xullo e o 30 de setembro.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento
Facúltase o director xeral de Defensa do Monte para ditar cantas instrucións sexan precisas para modificar as ditas datas e declarar como perigo alto outras épocas do ano, cando as condicións meteorolóxicas ou outras circunstancias agraven o risco de incendios.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

PROGRAMA ES-TRANSFORMA EN COOPERATIVAS OU SOCIEDADES LABORAIS 2025

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 16 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2025 (código de procedemento TR802R).

Obxecto e finalidade
Apoiar a creación de cooperativas e sociedades laborais, por parte de persoas traballadoras de entidades con negocios en crise ou sen remuda xeracional, por parte de persoas traballadoras autónomas ou mediante a transformación de todo tipo de sociedades, incluídas as cooperativas xuvenís.

Entidades beneficiarias
As cooperativas e sociedades laborais creadas nos tres anos anteriores á data da presentación da solicitude, que xurdan dalgún dos procesos regulados no punto 1 do artigo 5 da orde e, ademais, cumpran os requisitos regulados nos puntos 2 e 3 do mesmo artigo.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes comezará o oitavo día hábil posterior ao día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 15 de setembro de 2025, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

ACTUALIZACIÓN DA OFERTA DE FORMACIÓN PROFESIONAL DO SISTEMA EDUCATIVOS CURSO 2025-26

 Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 3 de xuño de 2025, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se publica o anuncio da actualización da oferta de formación profesional do sistema educativo en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso académico 2025/26.

Anunciar que a actualización da oferta de formación profesional do sistema educativo en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso académico 2025/26, que inclúe algúns aspectos para a súa organización, estará dispoñible no portal educativo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional (https://www.edu.xunta.gal/portal).

AXUDAS DIRIXIDAS A ESCOLAS DE MÚSICA PÚBLICAS E ESCOLAS DE MÚSICA PRIVADA DEPENDENTES DE INSTITUCIÓNS SEN ÁNIMO DE LUCRO

 Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 26 de maio de 2025 pola que se convocan axudas dirixidas a escolas de música públicas e escolas de música privadas dependentes de institucións sen ánimo de lucro (códigos de procedemento ED314E e ED314D).

Obxecto
1. Facer pública a convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas destinadas a subvencionar o funcionamento dos seguintes centros:
a) Escolas de música públicas das cales sexan titulares os concellos (código de procedemento ED314E).
b) Escolas de música privadas dependentes de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro que teñan entre os seus obxectivos a formación en ensinanzas de música que non conduzan a títulos académicos ou profesionais (código de procedemento ED314D).
2. Estes centros deberán estar radicados na Comunidade Autónoma de Galicia e as axudas destinaranse ao desenvolvemento das súas actividades docentes desde o 1 de xaneiro ata o 30 de xuño de 2025.

Entidades beneficiarias
1. Poderán solicitar estas axudas as persoas titulares das escolas de música sinaladas no punto anterior que conten coa correspondente autorización da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
2. Non poderán ter a condición de beneficiarias das axudas previstas nesta orde as corporacións locais ou institucións sen ánimo de lucro en que se dea algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Estas axudas serán compatibles con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Forma e prazo de presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados, o anexo A (ED314E), no caso das axudas a escolas de música públicas, e o anexo B (ED314D), no caso de axudas a escolas de música privadas sen ánimo de lucro, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. As solicitudes serán subscritas electronicamente pola persoa interesada ou pola persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.
3. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiaria da axuda, así como a aceptación da axuda.
4. Nos formularios normalizados, anexos A e B, deberán completarse obrigatoriamente todos os datos para os efectos de notificación, sinalando o concello solicitante, no caso das escolas de música públicas, ou a asociación ou fundación solicitante, no caso de escolas de música privadas dependentes de institucións sen ánimo de lucro, ou a persoa ou a entidade representante, segundo proceda; e indicando o correo electrónico e/ou teléfono móbil. Tamén será imprescindible que nos datos da escola de música se introduza o código do centro e o seu enderezo.
5. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios poderán dirixirse ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal
Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico sereap@edu.xunta.gal
6. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de xullo de 2025.

SUBVENCIÓNS PARA O DESENVOLVEMENTO DE PROXECTOS AUDIOVISUAIS GALEGOS 2025

 Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 22 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento CT207B).

Finalidade
Determinar as condicións polas cales se regulará a concesión das axudas no ano 2025, da Axencia Galega das Industrias Culturais, para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos, entendendo por estes o conxunto de accións e tarefas relacionadas coa fase previa ás producións, dentro do período subvencionable, de proxectos de longametraxes de ficción, animación ou documental, e series de ficción e animación.

Persoas beneficiarias
Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas ou xurídicas constituídas como produtoras audiovisuais independentes e dadas de alta na epígrafe IAE 961.1, que teñan cando menos un ano de antigüidade e un ano de actividade sen interrupcións no momento da publicación da presente convocatoria. Ademais, deberán ter unha sucursal ou oficina permanente de polo menos un ano previo a esta convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE, ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, e desenvolver a súa actividade habitual en Galicia como empresa produtora de proxectos audiovisuais.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

AMPLIACIÓN ORZAMENTARIA DAS SUBVENCIÓNS PARA A PREVENCIÓN DOS DANOS CAUSADOS AOS BOSQUES POR INCENDIOS, DESASTRES NATURAIS E CATÁSTROFES EN MVMC E AGRUPACIÓNS FORESTAIS DE XESTIÓN CONXUNTA.

 Consellería do Medio Rural

ORDE do 2 de xuño de 2025 pola que se amplía a dotación orzamentaria para a concesión das axudas convocadas pola Orde do 30 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e agrupacións forestais de xestión conxunta, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027 e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR651A).

SUBVENCIÓNS PARA A PROMOCIÓN DE ACTUACIÓNS DE SERVIZOS SOCIAIS COMUNITARIOS E INCLUSIÓN SOCIAL 2025-2027

 Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 23 de maio de 2025 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades privadas de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social para os anos 2025 a 2027, cofinanciada parcialmente pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS631A).

Obxecto
O obxecto da convocatoria consistirá na concesión de subvencións ás entidades privadas de iniciativa social para a promoción das actuacións de servizos sociais comunitarios e de inclusión social nos anos 2025 a 2027 que, de conformidade coa Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, leven a cabo a través da atención ás persoas nos centros de inclusión e emerxencia social e a través do desenvolvemento das actuacións e/ou servizos na área de actuación dos servizos sociais comunitarios, de inclusión e, especificamente, da inclusión social e laboral da poboación inmigrante.

Entidades beneficiarias
Serán beneficiarias as entidades privadas de iniciativa social a que se refire o artigo 30 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos socias de Galicia, sempre e cando reúnan os seguintes requisitos:
a) Estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.
b) Carecer de ánimo de lucro. Para estes efectos acreditarase que non reparten beneficios, que no caso de liquidación ou disolución desta, o seu patrimonio se destina a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven o seu labor con carácter gratuíto, de conformidade co disposto nos seus estatutos e co disposto nos puntos 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.
c) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Non estar en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.
e) Dedicarse, con carácter preferente en concordancia cos seus estatutos, á realización de actuacións de servizos sociais comunitarios e de inclusión social nos anos 2025 a 2027 referidas á atención ás persoas nos centros de inclusión e emerxencia social, e ao desenvolvemento dos programas e/ou da prestación de servizos na área de actuación dos servizos sociais comunitarios, de inclusión e, especificamente, da inclusión social e laboral da poboación inmigrante.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. Os sábados e festivos considéranse inhábiles para todos os efectos.

viernes, 6 de junio de 2025

INSTRUCIÓNS PARA A PREINSCRICIÓN, ADMISIÓN, MATRÍCULA E ORGANIZACIÓN ACADÉMICA NAS ESCOLAS OFICIAIS DE IDIOMAS DE GALICIA NO CURSO 25-26

 Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 27 de maio de 2025, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para a preinscrición, admisión, matrícula e organización académica nas escolas oficiais de idiomas de Galicia no curso 2025/26.

BOLSAS AO ALUMNADO DAS UNIVERSIDADES PÚBLICAS DO SISTEMA UNIVERSITARIO DE GALICIA QUE PARTICIPA EN PROGRAMAS DE MOBILIDADE CON PAÍSES EXTRACOMUNITARIOS NO CURSO 2025-26, FÓRA DO ÁMBITO DO PROGRAMA ERASMUS+

 Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 22 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de bolsas destinadas ao alumnado das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia que participa en programas de mobilidade con países extracomunitarios no curso 2025/26, fóra do ámbito do programa Erasmus+ (código de procedemento ED441B).

Obxecto
Convocar en réxime de concorrencia competitiva bolsas destinadas ao alumnado das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia que participe no curso 2025/26 en programas de intercambio con países extracomunitarios, realizados fóra do ámbito do programa Erasmus+, relacionados cos estudos que está a cursar.

Persoas beneficiarias
O alumnado das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia que participe no curso 2025/26 en programas de intercambio con países extracomunitarios, realizados fóra do ámbito do programa Erasmus+.

Orzamento e contía das bolsas
O importe global previsto na orde é de 250.000 €.
Cada bolsa terá unha dotación de 1.700 € para intercambios realizados en Europa e de 2.500 € para o resto do mundo.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

jueves, 5 de junio de 2025

SUBVENCIÓNS PARA A ADQUISICIÓN DE EQUIPAMENTOS DEPORTIVOS 2025

 Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 21 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento PR949A).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria de subvencións da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, en réxime de concorrencia competitiva, para a adquisición de equipamentos deportivos.

Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta orde os clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas e as federacións deportivas galegas.

Prazo para presentar as solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

miércoles, 4 de junio de 2025

OEP 2025 PRAZAS DE PERSOAL DOCENTE E INVESTIGADOR 2025 DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

 Oferta de prazas de persoal docente e investigador para o ano 2025


PRAZAS E BOLSAS NAS RESIDENCIAS XUVENÍS DEPENDENTES DA CONSELLERÍA DE CULTURA, LINGUA E XUVENTUDE.

 Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 21 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de prazas e bolsas nas residencias xuvenís dependentes desta consellería (códigos de procedemento BS303B, BS303C e BS303D).

Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases para a concesión de prazas e de bolsas nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en réxime de concorrencia competitiva, para o curso académico que se indique na correspondente convocatoria. Deste xeito, póñense as residencias xuvenís ao servizo das persoas mozas que, por razóns de estudos ou traballo, se vexan obrigadas a permanecer fóra do concello onde teñen a súa residencia habitual.
2. As modalidades de adxudicación de prazas establecidas nesta orde regularanse a través dos seguintes procedementos:
a) BS303B: prazas en residencias xuvenís para estudantes.
b) BS303C: prazas en residencias xuvenís para persoas estudantes colaboradoras bolseiras.
c) BS303D: prazas en residencias xuvenís para persoas traballadoras.

Prazas que se convocarán por procedemento e residencias
1. As residencias que entran no ámbito de aplicación destas bases reguladoras son:
a) Centro Residencial Xuvenil (Lugo).
b) Residencia Xuvenil Florentino López Cuevillas (Ourense).
c) Residencia Xuvenil Altamar (Vigo).
2. O número de prazas residenciais convocadas e a súa distribución por residencias e procedemento serán os que se determine en cada unha das convocatorias que se publiquen para tal efecto.
Para o caso de que non se cubran todas as prazas reservadas para persoas que desenvolvan unha actividade profesional (BS303D) ou para persoas estudantes colaboradoras bolseiras (BS303C) coas solicitudes presentadas en prazo, as prazas restantes ofertaranse a persoas estudantes non bolseiras (BS303B) de acordo co previsto no artigo 16.
3. Do total de prazas, resérvanse 2 prazas en cada residencia para o caso de mozas que sufran violencia de xénero ou para mozos e mozas cuxas proxenitoras a sufrisen e/ou para persoas mozas con expediente de protección aberto. A distribución de prazas por residencia para esta reserva establecerase nas correspondentes convocatorias.
Ademais, na residencia Altamar de Vigo resérvanse 2 prazas para persoas con discapacidade, adaptadas para persoas con mobilidade reducida.
A consellería poderá acordar a reserva de prazas con base na subscrición dos correspondentes convenios ou acordos con outras consellerías, administracións ou entidades. Esta reserva indicarase nas convocatorias correspondentes.
Para o caso de que non se cubran todas as prazas de reserva que figuran nesta epígrafe coas solicitudes presentadas en prazo, as prazas restantes sumaranse ás ofertadas no número 1 para persoas estudantes non bolseiras (BS303B).

Período de estadía
1. O período máximo de estadía na residencia xuvenil de todas as persoas residentes será de 11 meses e estará comprendido no período establecido para cada curso académico, coa excepción dos períodos de vacacións de Nadal e Semana Santa. En todo caso, as persoas residentes deberán abandonar as residencias, como prazo máximo, o 31 de xullo do curso académico.
2. Todas as persoas residentes que teñan a condición de estudantes, colaboradoras bolseiras ou non, iniciarán e finalizarán a súa estadía na residencia xuvenil, en todo caso, coincidindo co plan de estudos correspondente ao curso académico no cal estivesen matriculadas, respectando sempre o período máximo antes indicado. A súa estadía nunca concluirá con posterioridade á data en que rematen os estudos desenvolvidos.
3. En calquera caso, as persoas residentes deberán iniciar a súa estadía na residencia xuvenil como data límite o 31 de outubro do ano de publicación da convocatoria correspondente ao curso académico en cuestión, coa excepción do suposto de adxudicación de prazas vacantes que se cubran de acordo cos criterios establecidos no artigo 12.

Forma, lugar e prazo para a presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados que se incluirán como anexo na correspondente resolución de convocatoria e que estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Se o último día do prazo de presentación de solicitudes for inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte.
Se no mes de vencemento non houbese dia equivalente a aquel en que comezou o cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
3. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles a partir do día seguinte ao da notificación do requirimento, emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos polo artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
4. Para resolver as dúbidas relacionadas con dificultades técnicas ou no caso de máis información durante o proceso de obtención dos formularios e da súa presentación por vía electrónica, as persoas interesadas poderán facer as súas consultas no teléfono de información 012 ou no enderezo electrónico 012@xunta.gal

martes, 3 de junio de 2025

PREMIOS DE INNOVACIÓN EDUCATIVA AOS PROXECTOS SOBRE CONSUMO RESPONSABLE GALICONS-NET

 Instituto Galego do Consumo e da Competencia

RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2025, conxunta da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, pola que se convocan os premios de innovación educativa aos proxectos sobre consumo responsable Galicons-net (código de procedemento IN116A).

Obxecto
Convocar e regular os premios de innovación educativa aos proxectos sobre consumo responsable Galicons-net (código de procedemento IN116A).

Persoas beneficiarias
Poderán participar os centros docentes non-universitarios públicos, privados e concertados da Comunidade Autónoma de Galicia que estean a participar no programa Galicons-net no curso 2024/25 a través dalgunha destas dúas vías: a) convocatoria do Plan Proxecta; b) solicitude formalizada do programa a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

Importe
Concederase un premio de 1.500 euros para o mellor proxecto en cada unha das categorías de participación.

Prazo de presentación de solicitudes
As solicitudes presentaranse no prazo de 10 días hábiles, que contarán desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

1ª EDICIÓN DE 2025 DO PROGRAMA BONOS ACTIVA COMERCIO

 Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 19 de maio de 2025 pola que se convoca a primeira edición de 2025 do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio (código de procedemento CO301B).

Obxecto
O obxecto é a convocatoria da primeira edición de 2025 do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio.

Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias das axudas as persoas físicas maiores de idade e residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

Data de descarga dos bonos
Os bonos estarán dispoñibles na web www.bonosactivacomercio.gal para a súa descarga polas persoas usuarias desde o 4 de xuño de 2025, ás 9.00 horas, ata que o importe total dos descontos efectivamente realizados en compravendas alcance os 2.500.000 €.
Mediante a orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración poderase modificar a antedita data se razóns organizativas ou doutra índole así o aconsellasen, e daráselle a oportuna publicidade.

lunes, 2 de junio de 2025

A ECONOMÍA SOCIAL E A MODERNIZACIÓN DO SECTOR AGROALIMENTARIO: CERTIFICACIÓNS DE CALIDADE E MEDIOAMBIENTAIS.


A Unión de Cooperativas AGACA ofrece gratuitamente a 4ª edición do curso A ECONOMÍA SOCIAL E A MODERNIZACIÓN DO SECTOR AGROALIMENTARIO: CERTIFICACIÓNS DE CALIDADE E MEDIOAMBIENTAIS que dará comezo o vindeiro 9 de xuño de 2025 mediante teleformación. A formación nesta materia é unha inquedanza constante do Consello Reitor da Unión de Cooperativas AGACA que desexa ofrecer ás persoas que conforman as nosas cooperativas agroalimentarias e o tecido emprendedor do rural galego.

 O curso capacita en todos os aspectos relacionados coas CERTIFICACIÓNS DE CALIDADE E MEDIOAMBIENTAIS que o sector agroalimentario está a impulsar tras as esixencias dos consumidores. Véxase: https://agaca.coop/gl/certificacions-calidade-cuarta-2025/

Os interesados en participar deben inscribirse previamente en https://agaca.coop/gl/certificacions-calidade-cuarta-2025/

Nesta páxina encontrará tódolos aspectos que serán tratados neste curso e para a súa inscrición no formulario https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSdo4T9lwZUyZZVM7qfHa0TJJ5TXlWTOzTYq7uu70nNTW3K45g/viewform