lunes, 24 de julio de 2023

SUBVENCIÓNS AO SECTOR TURÍSTICO PARA A PROMOCIÓN DA DIXITALIZACIÓN 2023

 AXENCIA DE TURISMO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 27 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións ao sector turístico para a promoción da dixitalización, e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TU503C).

Obxecto e réxime
As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto promover o desenvolvemento tecnolóxico e o proceso de transformación dixital das empresas turísticas a través da incorporación de solucións dixitais aos seus establecementos, servizos e procesos, coa finalidade de mellorar a súa competitividade, adaptándose ás novas necesidades e tendencias do sector turístico.

Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares de empresas de aloxamento turístico, de restauración e de axencias de viaxes que teñan o seu domicilio fiscal en Galicia e que teñan inscrito e autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), o establecemento turístico para o que se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.
En concreto, son actuacións subvencionables as que realicen calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:
a) Os establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.
b) As empresas de restauración (restaurantes, cafetarías e bares) que se enmarquen dentro do artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.
c) As axencias de viaxes que se enmarquen dentro do artigo 83 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.




Prazo de xustificación da subvención




Para a entrega da documentación xustificativa o prazo será ata o 15 de novembro de 2023.