lunes, 24 de julio de 2023

AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE VIVENDAS PROTEXIDAS 2023

 INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 27 de xuño de 2023 pola que se convocan para o ano 2023 as axudas para a adquisición de vivendas protexidas (código de procedemento VI420C).

Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto convocar para o ano 2023 as subvencións para a adquisición de vivendas protexidas, que se tramitarán co código de procedemento VI420C.
2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Persoas beneficiarias
1. Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas maiores de idade que reúnan os seguintes requisitos:
a) Posuíren a nacionalidade española ou, no caso de seren estranxeiras, teren a residencia legal en España.
b) Seren adquirentes ou adxudicatarias, en primeira transmisión, dunha vivenda de protección autonómica de réxime xeral ou especial de nova construción ou procedente da rehabilitación, cualificada definitivamente na data de publicación desta resolución.
c) Teren subscrito con posterioridade ao 30 de setembro de 2022 un contrato privado de compravenda da vivenda, visado pola área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda ou, de ser o caso, unha escritura pública de compravenda que conteña as cláusulas obrigatorias derivadas da cualificación definitiva da vivenda.
d) Estaren a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teren pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
e) Non estaren nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada unha delas deberá cumprir os requisitos sinalados no primeiro parágrafo para poder ser beneficiaria da axuda.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 2 de outubro de 2023 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o que será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.