jueves, 20 de julio de 2023

PROGRAMA BONO CONCILIA FAMILIA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E XUVENTUDE

ORDE do 22 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases para a concesión das axudas económicas ás familias para a conciliación en situacións puntuais e períodos de vacacións escolares a través do programa Bono Concilia Familia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS412A).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas ás familias con nenos e nenas residentes en Galicia de ata doce anos de idade, estes incluídos, para a atención de necesidades de conciliación de carácter puntual ou durante os períodos de vacacións escolares, que teñan lugar entre o 1 de xaneiro e o 8 de setembro de 2023 (código de procedemento BS412A), así como proceder á súa convocatoria.
2. Para os efectos desta orde, entenderanse como períodos de vacacións escolares os seguintes:
– Do 1 ao 6 de xaneiro.
– Os días 20, 21 e 22 de febreiro.
– Do 3 ao 10 de abril.
– Do 22 de xuño ao 8 de setembro.
3. As axudas previstas nesta orde tramitaranse de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e a finalidade das subvencións non será necesaria a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Bono Concilia Familia os pais/nais e as persoas titoras de nenos e nenas de ata doce anos de idade, estes incluídos, ou as persoas que os/as teñan en situación de acollemento familiar ou garda con fins adoptivos, que residan na Comunidade Autónoma de Galicia e estean nos supostos seguintes:
a) Que o neno ou a nena sexa menor de trece anos no momento en que se produce o suposto para o cal se solicita a axuda.
b) Que ambos os pais/nais, persoas titoras, acolledoras, gardadoras con fins adoptivos, familias monoparentais ou pais/nais con custodia non compartida, estean efectivamente traballando, tanto no suposto de solicitudes por enfermidade ou accidente do neno ou nena como por necesidades en períodos de vacacións escolares.
Nos supostos de custodia compartida, este requisito entenderase referido ao tempo en que esta se exerza efectivamente, debendo presentar, nestes casos, cada pai/nai unha solicitude individual.
2. Ademais, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Lugar e prazo de presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 15 de setembro de 2023. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.