jueves, 23 de marzo de 2023

SUBVENCIÓNS PARA A PRODUCIÓN E COPRODUCIÓN DE PROXECTOS AUDIOVISUAIS GALEGOS PARA 2023

AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS

RESOLUCIÓN do 9 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT207A).

Finalidade
Estas bases teñen por obxecto determinar as condicións polas cales se regulará a concesión das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, da Axencia Galega das Industrias Culturais para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos, convocadas para o ano 2023.

Persoas beneficiarias
Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas, constituídas como produtoras audiovisuais independentes e dadas de alta na epígrafe IAE 961.1, que conten cunha antigüidade mínima e sen interrupcións dun ano en ambos os dous casos. Ademais, deberán ter unha sucursal ou oficina permanente desde, polo menos, un ano previo a esta convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.
Por produtora audiovisual independente enténdese, para os efectos desta convocatoria, toda persoa física (autónoma) ou xurídica privada que teña a iniciativa e asuma a responsabilidade na produción audiovisual e non sexa obxecto de influencia dominante por parte dun prestador de servizo de comunicación/difusión audiovisual nin dun titular de canle televisiva privada nin, pola súa parte, exerza unha influencia dominante, tal e como establece a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, artigo 4.n).
Cando a persoa xurídica sexa unha agrupación de interese económico (AIE), os requisitos citados deberán ser cumpridos, polo menos, por unha das empresas que a integran no momento da súa constitución. A agrupación non poderá disolverse ata que rematase o prazo de prescrición para o reintegro e as infraccións previsto polos artigos 35 e 63 da Lei de subvencións de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.