martes, 14 de marzo de 2023

CURSOS DE RECICLAXE DE SOCORRISMO ACUÁTICO

 ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 10 de marzo de 2023 pola que se convocan cursos de reciclaxe de socorrismo acuático, válidos para a renovación da inscrición no Rexistro profesional do persoal de socorrismo, información e primeiros auxilios de Galicia.

Destinatarios/as
Persoas inscritas no Rexistro profesional do persoal de socorrismo, información e primeiros auxilios de Galicia que estean obrigadas a renovar a inscrición antes do 31 de decembro de 2023. Non obstante, poderán inscribirse aquelas que teñen que renovar a inscrición con posterioridade á data sinalada, pero só serán seleccionadas no caso de existiren prazas vacantes.

Requisitos de participación dos/das solicitantes
1. Requisitos xerais: os/as solicitantes deben ter a condición descrita na base terceira para estes colectivos.
2. Requisitos físicos/psíquicos: os/as solicitantes deberán acreditar que non padecen enfermidade nin están afectados/as por limitación física ou psíquica incompatible coa realización das accións formativas ou co desempeño das funcións correspondentes ao curso a que se opta, mediante declaración que se efectuará xunto coa solicitude de matrícula no curso, e será obriga de cada alumno/a poñer en coñecemento da Agasp calquera alteración relacionada con esta.

Exclusións
Quedan excluídas desta convocatoria as persoas que obtiveron a inscrición de forma provisional no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia a través do establecido na disposición transitoria única do mencionado Decreto 104/2012, do 16 de marzo, modificado polo Decreto 35/2017, do 30 de marzo.

Prazo de inscrición
O prazo de inscrición será de sete (7) días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG).
No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, coa antelación posible en función da data do curso e para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.