jueves, 13 de octubre de 2022

SUBVENCIÓNS PARA A REALIZACIÓN DE PROXECTOS E OBRAS QUE EMPREGUEN PRODUTOS DE MADEIRA COMO ELEMENTOS ESTRUTURAIS

 AXENCIA GALEGA DA INDUSTRIA FORESTAL

RESOLUCIÓN do 29 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2022, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións para a realización de proxectos e obras que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais, financiadas ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19 (códigos de procedemento MR502B, MR502D, MR502F e MR502G).

Obxecto
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto contribuír a fomentar o uso da madeira como elemento estrutural mediante as seguintes liñas de apoio:
– Liña 1.1 (código de procedemento MR502B): axudas á redacción de proxectos de construción nova, rehabilitación ou reforma de naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.
– Liña 1.2 (código de procedemento MR502D): axudas á redacción de proxectos de construción nova, rehabilitación ou reforma de vivendas unifamiliares que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.
– Liña 2.1 (código de procedemento MR502F): axudas á utilización de produtos de madeira en obra nova, rehabilitación ou reforma de naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.
– Liña 2.2 (código de procedemento MR502G): axudas á utilización de produtos de madeira en obra nova, rehabilitación ou reforma de vivendas unifamiliares que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas:
– Para as liñas 1.1 (código de procedemento MR502B) e 2.1 (código de procedemento MR502F): as pequenas e medianas empresas, incluídas as persoas autónomas, que conten con domicilio social ou cun centro de traballo radicado en Galicia e as asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, públicas ou privadas, que desenvolvan a súa actividade en Galicia.
Para os efectos das axudas de minimis conforme a normativa aplicable, enténdese por empresa calquera entidade que exerza unha actividade económica, con independencia da súa natureza xurídica e da súa forma de financiamento. En todo caso, a persoa solicitante das axudas deberá acreditar que exerce actividade económica, para os efectos do previsto no parágrafo anterior.
Tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño de 2014 (inclúe persoas autónomas que cumpran a condición de empresa). A Axencia Galega da Industria Forestal fará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme.
– Para as liñas 1.2 (código de procedemento MR502D) e 2.2 (código de procedemento MR502G): as persoas físicas, sexa de xeito individual ou unha pluralidade delas, que residan en Galicia.
No caso de solicitudes presentadas por unha agrupación de persoas físicas, todas as persoas solicitantes quedan obrigadas solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención e ao cumprimento do establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Ademais, no caso de agrupacións de persoas físicas, deberán facer constar os compromisos de execución asumidos por cada unha das persoas solicitantes, que determinarán proporcionalmente o importe da subvención que se aplicará a cada unha delas, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante da agrupación, con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiaria corresponden á agrupación, e coa cal a Administración efectuará as actuacións no marco do procedemento administrativo.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarias:
• Aquelas persoas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
• Aquelas persoas que fosen sancionadas con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de subvencións pola Axencia Galega da Industria Forestal nos últimos 2 anos.
3. Os requisitos para ser beneficiarias deberán cumprirse antes da presentación da solicitude de axudas.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución ata o 15 de novembro de 2022 ou ata o esgotamento dos fondos asignados, no caso de que se produza con anterioridade a esa data.