lunes, 10 de octubre de 2022

SUBVENCIÓNS Á ADQUISICIÓN DE VEHÍCULOS QUE FACILITEN A PRESTACIÓN DE SERVIZOS A PERSOAS DEPENDENTES OU PERSOAS CON DISCAPACIDADE

 CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E XUVENTUDE

ORDE do 23 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á adquisición de vehículos que faciliten a prestación de servizos a persoas dependentes ou a persoas con discapacidade por parte de entidades de iniciativa social da Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU de conformidade co Regulamento (UE) número 2021/241, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento BS631C).

Obxecto
O establecemento das bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2023 de axudas económicas ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro da Comunidade Autónoma de Galicia para a adquisición no ano 2023 de vehículos de emisión cero, tipo eco ou etiqueta C verde, de ser o caso, adaptados a persoas con mobilidade reducida, que faciliten a prestación de servizos a persoas dependentes ou persoas con discapacidade, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas as entidades do terceiro sector de acción social definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social, e a Cruz Vermella Española, sempre que reúnan os seguintes requisitos:
a) Estar legalmente constituídas desde, polo menos, dous anos de antelación á data da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da consellería da Xunta de Galicia con competencias en materia de política social nas áreas de discapacidade na data de publicación desta convocatoria.
b) Carecer de ánimo de lucro. Para estes efectos, a entidade solicitante acreditará que non reparte beneficios, que, no caso de liquidación ou disolución desta, o seu patrimonio se destinará a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven o seu labor con carácter gratuíto e de conformidade co disposto nos seus estatutos e nos puntos 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.
2. Todos os requisitos sinalados se deberán cumprir na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.
3. Poderán ser beneficiarias das axudas as entidades e asociacións de ámbito local ou provincial, así como as federacións, confederacións e agrupacións, e entidades e asociacións de ámbito autonómico.
4. Non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía das entidades do terceiro sector de acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública, as universidades, os partidos políticos e as fundacións dependentes deles, os colexios profesionais, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais sindicais e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.
5. En ningún caso poderán ter a condición de beneficiarias aquelas entidades ou persoas que incorran nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, e rematará, en todo caso, no momento de esgotamento do crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade.