lunes, 3 de octubre de 2022

PROGRAMA DE MOBILIZACIÓN DE VIVENDAS PARA O ALUGAMENTO (VI426D)

 INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 21 de setembro de 2022 pola que se regula o Programa de mobilización de vivendas para o alugamento (código de procedemento VI426D).

Obxecto
O obxecto desta resolución é regular o Programa de mobilización de vivendas para o alugamento (en diante, PMVA), co que se pretende mobilizar o meirande número posible de vivendas baleiras de titularidade privada para a súa incorporación, a un prezo accesible, ao mercado de alugamento (código de procedemento VI426D).

Ámbito de aplicación
O PMVA implantarase en todos os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.


Características
1. Este programa desenvolverase a través dunha rede de entidades colaboradoras, as cales contarán cunha plataforma informática implantada polo IGVS para o intercambio de información entre elas e o devandito organismo, e na cal figurarán as vivendas baleiras que se oferten en alugamento a través deste programa.
2. O PMVA garantirá ás persoas arrendadoras das vivendas incluídas nel durante un prazo máximo de cinco anos, contado desde a entrada en vigor do contrato, o aboamento das rendas impagadas, así como un seguro para a reparación dos danos que se ocasionen nas vivendas durante a súa vixencia, sempre que non sexan consecuencia da súa deterioración polo seu uso ou polo paso do tempo.
O programa tamén garantirá a asistencia xurídica necesaria para atender os problemas que poidan xurdir durante a vixencia dos contratos de alugamento, así como no momento da súa resolución, ademais das situacións de precario que poidan derivarse destes contratos.
3. Cando a dispoñibilidade orzamentaria así o exixa, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderá restrinxirse a incorporación de novas vivendas ao programa, así como a formalización de novos contratos de arrendamento das vivendas xa incorporadas ao PMVA.
A resolución que sexa ditada nese sentido pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS será publicada na páxina web do organismo e producirá efectos desde o día seguinte ao da dita publicación.
4. As persoas arrendadoras poderán retirar en calquera momento anterior á formalización do contrato de alugamento as súas vivendas do PMVA, agás que teñan recibido algunha subvención do IGVS, pola cal se estableza un período mínimo de permanencia da vivenda neste programa.
5. As rendas iniciais das vivendas que se incorporen a este programa, incluídos, se é o caso, o rochos e/ou garaxes, non poderán superar os límites establecidos no anexo I.
6. So poderán ser arrendatarios destas vivendas as persoas que cumpran os requisitos exixidos nesta resolución.

Solicitude para obter a condición de entidade colaboradora
1. O condición de entidade colaboradora poderá solicitarse desde o día seguinte ao da publicación no DOG desta resolución. Este prazo rematará mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá publicarse no DOG, e, en todo caso, o 31 de decembro de 2025.
2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e que se incorpora á presente resolución como anexo II.
3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas ou entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. No modelo de solicitude a persoa ou entidade interesada realizará as seguintes declaracións:
a) Declaración responsable de que coñece e acepta o contido e as obrigas recollidas nesta resolución.
b) Declaración de que cumpre todos os requisitos exixidos no ordinal quinto.
c) Declaración de que todos os datos da súa solicitude son certos.