martes, 23 de agosto de 2022

PROGRAMA RETORNA MOCIDADE

 CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

ORDE do 4 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o programa Retorna mocidade, para persoas galegas residentes no estranxeiro interesadas en retornar e cursar determinados estudos de formación profesional no curso académico 2022/23 en centros educativos de Galicia (código de procedemento ED333B).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases e convocar o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de cincuenta e catro prazas (54) para o acceso da mocidade galega do exterior, ás ensinanzas formación profesional relacionadas no anexo III que se desenvolverán en centros da Comunidade Autónoma de Galicia no curso 2022/23. Xunto coa praza na ensinanza solicitada, concederase unha bolsa para a viaxe, o aloxamento e a manutención.
Este procedemento habilitarase na Guía de procedementos e servizos co código ED333B.

Persoas beneficiarias
Poderá concorrer a esta convocatoria a cidadanía galega residente no exterior e que cumpra o disposto no artigo 3. Requisitos.
Quedan excluídas desta convocatoria as persoas que xa fosen beneficiarias, así como aquelas persoas beneficiarias que causasen baixa ou renunciasen á bolsa convocada pola Orde do 9 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan cen bolsas para a mocidade do exterior, co fin de cursar estudos de formación profesional de grao superior que se inicien no curso académico 2019/20 nun centro de Galicia con ensinanzas sostidas con fondos públicos (código de procedemento ED333B), ou a outras bolsas de edicións anteriores.
Quedan excluídas desta convocatoria aquelas persoas que xa fosen beneficiarias das bolsas de excelencia para a mocidade exterior (Beme), convocadas pola Secretaría Xeral da Emigración.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para presentar solicitudes será de 45 días naturais, que se contarán desde o día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (DOG) e finalizará ás 23.59.59 horas (hora peninsular española) do día no que finalice o dito cómputo.