martes, 23 de agosto de 2022

BOLSAS DE FORMACIÓN PARA 2022 DO INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

 INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 21 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das bolsas de formación e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento VI440D).

Obxecto e réxime de concesión das axudas
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión de bolsas de formación en materia de vivenda no Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS). Código de procedemento VI440D.
As persoas ás que se lle conceda a bolsa recibirán a súa formación de acordo a un plan formativo elaborado especificamente para cada convocatoria pola Dirección Xeral do IGVS. Este plan de formación versará sobre materias relacionadas coas función propias do citado organismo e indicará as actividades prácticas que se van realizar.
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas liñas de axudas para a anualidade 2022, con carácter plurianual.
3. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia competitiva, de acordo co artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Persoas beneficiarias
Poderán solicitar esta bolsa todas aquelas persoas que no momento de presentar a súa solicitude reúnan os seguintes requisitos:
– Ter rematado o grao exixido na correspondente convocatoria, dentro do prazo indicado nela.
– Ter competencia en lingua galega no nivel Celga 4, equivalente ou superior.
– Non ter sido con anterioridade beneficiario/a doutra bolsa de formación do IGVS.
– Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa similar a esta. Noutro caso, deberá renunciarse ao emprego ou á bolsa con anterioridade ao inicio da formación.
– Non estar incursa en ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día fora inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.