lunes, 11 de julio de 2022

INVITACION OS POSIBLES BENEFICIARIOS PARA QUE MANIFESTEN O SEU INTERESE EN ACCEDER A AXUDAS PARA ACTUACIÓNS EN MATERIA DE RESIDUOS PERÍODO 2022-2026

 CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 30 de xuño de 2022 pola que se invita os posibles beneficiarios para que manifesten o seu interese en acceder a axudas para actuacións en materia de residuos cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea (NextGenerationEU) para o período 2022-2026.

Obxecto e finalidade
O obxecto e finalidade desta manifestación de intereses é o de identificar as necesidades reais dos posibles beneficiarios de cara a garantir, no ámbito das súas competencias, o cumprimento dos obxectivos en materia de residuos marcados pola normativa sectorial.

Interesados
Poderán ser beneficiarios de futuras axudas neste eido e, porén, interesados nesta manifestación de interese:
a) Os municipios ou outras entidades locais (mancomunidades, deputacións, etc.), ou os consorcios constituídos polas ditas entidades locais, que teñan asumida a competencia de prestar os servizos de recollida ou de tratamento de residuos e que presenten proxectos sobre os servizos da súa competencia para o seu financiamento.
b) As entidades xurídicas públicas e privadas (empresas, asociacións, gremios, fundacións, entidades sen ánimo de lucro, escolas e universidades, etc.) que xeren residuos comerciais non perigosos ou domésticos xerados nas industrias, e presenten un proxecto de recollida separada; ou
c) Os xestores de residuos.

Contido da manifestación de interese
En particular, interesa coñecer o parecer dos posibles beneficiarios respecto das limitacións establecidas no Acordo da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente en materia de conceptos financiables, prazos de execución e porcentaxes de financiación, sen prexuízo de que poidan pronunciarse respecto doutros aspectos do dito acordo.
Por outra banda, solicítase aos beneficiarios a presentación de proxectos concretos que, ben cinguíndose ás bases e liñas establecidas no Acordo da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente de data 14 de abril de 2021, ou máis amplos, reflictan as necesidades reais daqueles de cara ao efectivo cumprimento, como se ten dito, dos obxectivos en materia de residuos marcados na normativa sectorial.
O contido da manifestación de interese cinguirase ao indicado no anexo I desta resolución.

Prazo e forma de presentación da manifestación de intereses
Con carácter previo á adopción da decisión de convocatoria das axudas ábrese un prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, para que os posibles interesados que así o desexen poidan comunicar as propostas de proxectos ou actuacións que poderían impulsar e suxestións sobre o marco de axudas que se poidan deseñar.
As manifestacións de interese axustaranse ás condicións e aos contidos recollidos na presente resolución e nos seus anexos e deberán presentarse telematicamente mediante a utilización dun dos seguintes procedementos:
– https://sede.xunta.gal (servizo PR004A-Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado).
Las solicitudes presentaranse dirixidas á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático-Subdirección Xeral de Coordinación Ambiental.
Para consultas relacionadas con esta manifestación de interese habilítase o seguinte enderezo de correo electrónico: axudas.cmaot@xunta.gal