jueves, 10 de marzo de 2022

CATORCE BOLSAS DE FORMACIÓN PRÁCTICA NAS OFICINAS DE INFORMACIÓN TURÍSTICA DEPENDENTE DA AXENCIA DE TURISMO DE GALICIA

 AXENCIA TURISMO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 25 de febreiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de catorce bolsas de formación práctica nas oficinas de información turística dependentes desta axencia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TU981A).

Obxecto e finalidade
Esta resolución ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria de catorce (14) bolsas de formación práctica especializada, en réxime de concorrencia competitiva, nas oficinas de información turística dependentes da Axencia Turismo de Galicia para a promoción e información turística, mediante a realización de prácticas tuteladas en oficinas de información turística dependentes da Axencia Turismo de Galicia distribuídas da seguinte forma: 2 bolsas na Oficina de Turismo de Santiago de Compostela (praza de Mazarelos), 2 bolsas na Oficina de Turismo de Santiago de Compostela (Centro Internacional de Acollida ao Peregrino), 2 bolsas na Oficina de Turismo da Coruña, 2 bolsas na Oficina de Turismo de Pontevedra, 2 bolsas na Oficina de Turismo de Vigo, 2 bolsas na Oficina de Turismo de Lugo, 2 bolsas na Oficina de Turismo de Ourense (código de procedemento TU981A).

Condicións xerais
1. O obxectivo das bolsas é fomentar o perfeccionamento profesional das persoas bolseiras mediante a realización de prácticas formativas nas oficinas de turismo dependentes da Axencia Turismo de Galicia con suxeición ás indicacións do titor/a que lle será asignado/a ao comezo das súas prácticas.
2. As bolsas reguladas nesta resolución concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.
As bolsas serán indivisibles e improrrogables. Serán tamén incompatibles con calquera outra bolsa concedida para o mesmo período e con calquera actividade laboral ou remunerada.
3. O programa formativo desenvolverase ao longo do ano 2022 cunha duración máxima de 6 meses, contados a partir da data de incorporación da persoa bolseira que será, previsiblemente, o 1 de abril de 2022. Debido á situación provocada pola COVID-19 poderíanse producir cambios na data de incorporación á bolsa, o que sería comunicado en tempo e forma ás persoas interesadas.
4. A dotación económica das bolsas será: 6000 € por bolseiro.
5.Durante o tempo de duración da bolsa, a persoa bolseira quedará incluída no réxime xeral da Seguridade Social, de acordo co establecido no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación.
6. A concesión e goce da bolsa non suporán vinculación civil, laboral ou funcionarial entre a persoa bolseira e a Axencia Turismo de Galicia.
A estas bolsas non lles será aplicable o Estatuto do persoal investigador en formación.

Persoas beneficiarias
1. Poden solicitar a concesión das bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:
a) Nacionalidade: ter nacionalidade española ou ser nacionais de calquera Estado membro da Unión Europea.
b) Titulación: estar en posesión, antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, dalgún dos seguintes títulos: grao en turismo; mestrado relacionado con turismo; técnico superior en guía, información e asistencia turísticas; técnico superior en axencias de viaxes e xestión de eventos. Só serán válidos os títulos obtidos a partir do 1 de xaneiro de 2017.
c) Idiomas:
c.1) Todas as persoas solicitantes deberán acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel Celga 4, perfeccionamento ou título equivalente.
c.2) Inglés: para as bolsas de formación nas oficinas de información turística, deberase achegar certificado B1 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas ou superior, ou acreditación oficial de nivel equivalente ao B1 ou superior. De consideralo necesario, a Comisión de Valoración poderá realizar unha proba oral para a comprobación do nivel de idioma.
2. En ningún caso poderán ser persoas beneficiarias desta bolsa aquelas persoas solicitantes que fosen adxudicatarias dela en edicións anteriores. Quedarán tamén excluídas da convocatoria aquelas persoas solicitantes que foran adxudicatarias das bolsas en edicións anteriores e que renunciasen a elas durante o seu desenvolvemento.
3. As persoas adxudicatarias, no momento da súa incorporación á bolsa, non poderán ser perceptoras de salarios ou outros ingresos que impliquen vinculación contractual ou estatutaria. As bolsas son incompatibles coa percepción de prestación ou subsidio por desemprego.

Forma e lugar de presentación das solicitudes e das declaracións responsables
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para estes efectos, enténdese que queda acreditado que as persoas solicitantes gozan do acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios por razón da súa capacidade técnica e dedicación profesional en virtude do artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixer, se lle terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
4. No caso de que a persoa solicitante actuase por medio de representante, deberá acreditar a representación por calquera medio válido en dereito. Na sede electrónica está dispoñible un modelo xenérico de representación.
5. As persoas ou entidades solicitantes deberán declarar responsablemente, tal e como consta no anexo II:
a) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
b) Que se compromete a cumprir a normativa estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións.
c) Que se compromete a cumprir as obrigas e requisitos que se sinalan no artigo 16 das bases reguladoras.
d) Que non ten ingresos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria ou percepción de prestación ou subsidio por desemprego no momento da incorporación á bolsa.
e) Que non foi beneficiaria desta mesma bolsa de formación en edicións anteriores nin renunciou a ela con posterioridade á súa aceptación.
f) Se, en relación con outras axudas ou bolsas, se solicitou, ou non; ou se recibiu, ou non, algunha outra/s axuda/s ou bolsa/s, para o mesmo período, procedentes das administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.