miércoles, 2 de marzo de 2022

AXUDAS PARA A POSTA EN MARCHA DE CASAS NIÑO DURANTE OS ANOS 2022, 2023, 2024 E 2025

 CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL

ORDE do 15 de febreiro de 2022 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño durante os anos 2022, 2023, 2024 e 2025, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS403C).

Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas para a posta en marcha de proxectos durante os anos 2022, 2023, 2024 e 2025, destinados á atención de nenas e nenos de ata tres anos de idade, mediante o establecemento dunha casa niño, nos núcleos rurais do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia nos que non exista ningún outro recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade (código de procedemento BS403C).
Para os efectos desta orde, considéranse núcleos rurais do territorio os existentes nos concellos de menos de cinco mil habitantes e enténdese por recursos de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade as escolas infantís 0-3 dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais, as escolas infantís 0-3 dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, as escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais e as escolas infantís 0-3 dependentes das entidades privadas de iniciativa social que reciban axudas da Xunta de Galicia para mantemento do centro. Igualmente, entenderase que existen recursos de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade se os anteditos equipamentos dos ditos servizos están en construción ou previstos nun documento de planificación da Administración autonómica ou local.
2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as ditas axudas para a posta en marcha de los proxectos de casas niño durante os anos 2022, 2023, 2024 e 2025.

Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas para poñer en marcha unha casa niño as persoas físicas que se establezan como empresarias autónomas e as cooperativas de traballo asociado que reúnan os seguintes requisitos:
a) Estar en posesión, ou contar cando menos cunha persoa socia que o estea no caso de cooperativas de traballo asociado, de calquera das titulacións que se recollen a continuación, ou equivalentes, ou da formación ou experiencia seguintes:
1º. Técnico/a superior en educación infantil.
2º. Grao en mestre/a de educación infantil/educación primaria.
3º. Grao en pedagoxía, psicoloxía ou educación social.
4º. Diploma que acredite ter realizado o curso de formación integral ou o curso de formación complementaria para futuros/as profesionais das casas niño impartidos pola Xunta de Galicia.
5º. Formación acreditada en áreas relacionadas coa atención á infancia e coidados infantís ou experiencia profesional acreditada neste ámbito.
b) Residir nun núcleo rural no que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, ou facelo con anterioridade á posta en marcha do proxecto.
c) Contar cun inmoble nun núcleo rural no que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade, ou dispoñer del con anterioridade á posta en marcha do proxecto. O dito inmoble estará dotado cos seguintes recursos, para os cales poderá pedir esta axuda:
1º. Sistema de calefacción que cubra todas as estancias dedicadas ao desenvolvemento da iniciativa e conte coa protección dos elementos calefactores precisa para evitar as queimaduras por contacto, os atrapamentos ou outros riscos para a integridade das e dos menores.
2º. Unha sala con iluminación e ventilación naturais directas e un mínimo de 20 metros cadrados, distribuída e organizada con criterios de flexibilidade para dar resposta ás distintas necesidades das nenas e nenos de 0-3 anos.
3º. Dúas zonas, unha para o descanso e outra para a hixiene infantil. A zona de descanso e, se é o caso, o mesado cambiador poderán estar integrados na sala principal.
4º. Unha zona para a preparación, almacenamento e conservación de alimentos dotada, cando menos, dun mesado, frigorífico, vertedoiro e microondas.
5º. Elementos de protección como enchufes de seguridade infantil sempre que se sitúen por debaixo de 1,5 metros, protectores de dedos nas dúas caras das portas, seguros de ventás, barreira de seguridade con porta en zonas con diferentes alturas ou escaleiras e extintor/es para a protección contra incendios.
6º. Un mobiliario e equipamento básico para a atención das nenas e nenos, que incluirá, como mínimo, un cambiador de cueiros, berces, sabas, mantas, colchóns, contedor de cueiros, ouriñais, tronas, hamacas, adaptadores de inodoro e materiais didácticos e de xogo axeitados para as idades dos nenos e nenas e con marcación CE.
En todo caso o mobiliario deberá ter bordes romos ou protectores que os cubran para que careza de arestas. Así mesmo, na sala e na zona de descanso, no suposto de estar nunha estancia separada, os materiais dos solos e das paredes ata unha altura de 1,5 metros deberán ser cálidos, lisos, non porosos, facilmente lavables e aptos para a súa desinfección. Na sala deberá crearse unha superficie continua e non esvaradía, axeitada para gatear.
As estancias e zonas anteriormente citadas deben estar situadas nun único andar. No caso de tratarse dun inmoble non destinado a vivenda, este deberá estar, ademais, en planta baixa.
d) Dispoñer dun plan de actuación cos/coas nenos/as para atender eventuais emerxencias que se poidan producir na casa niño.
e) Acreditar o estado de saúde cunha revisión médica anual. No caso de cooperativas de traballo asociado esta acreditación deberá estar referida á/ás persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.