martes, 15 de febrero de 2022

CONVOCATORIA DOS PREMIOS XXVI ALVARO CUNQUEIRO, XII MANUEL MARIA E XV BARRIGA VERDE, EDICION 2022

 AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS

RESOLUCIÓN do 28 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, e se fai pública a convocatoria para a concesión dos premios XXVI Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, XII Manuel María de literatura dramática infantil e XV Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, edición 2022 (código de procedemento CT214A).

Finalidade
Establecer as bases reguladoras da convocatoria para o ano 2022, baixo o réxime de concorrencia competitiva, da XXVI edición do premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, da XII edición do premio Manuel María de literatura dramática infantil e da XV edición do premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques en dúas modalidades, para rapaces e para adultos, segundo o público ao que vaian dirixidos os textos.

Persoas beneficiarias
– Poderán optar aos premios as persoas físicas maiores de idade que presenten textos teatrais inéditos escritos en galego conforme a normativa vixente, non representados nin premiados anteriormente noutros concursos ou convocatorias.
– Os textos serán de tema e extensión libres, tendo en conta o principio de duración normal dun espectáculo completo para cada un dos premios.
– Non poderán presentarse textos de teatro de monicreques aos premios Álvaro Cunqueiro e Manuel María.
– Os gañadores da edición inmediatamente anterior non poderán presentarse ao mesmo premio (modalidade, no caso do Barriga Verde) no que resultaron galardoados.
– Non poderá presentarse o persoal da Agadic.
– Non poderán acceder a estes premios os participantes que se atopen afectados por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
– Durante a tramitación do procedemento de concesión desta convocatoria, as persoas participantes teñen a obriga de comunicarlle á Agadic a concesión de calquera premio que obteña o texto presentado en canto esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do proceso.

Importe
Existirá un único galardoado por premio e no caso do premio Barriga Verde, un por cada modalidade, coa seguinte dotación económica:
– Álvaro Cunqueiro: 8.000 €.
– Manuel María: 6.000 €.
– Barriga Verde (modalidade para rapaces): 6.000 €.
– Barriga Verde (modalidade para adultos): 6.000 €.
Estas cantidades serán imputadas aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2022 con cargo á aplicación orzamentaria da Axencia Galega das Industrias Culturais 10.A1.432B.480.0 e estarán suxeitas ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo comezará ao día seguinte da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia e rematará o 2 de maio de 2022.