martes, 15 de febrero de 2022

AXUDAS PARA A POSTA EN MARCHA E CONTINUIDADE DE CASAS DO MAIOR PARA 2022 E 2023

 CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL


Obxecto
1. O establecemento das bases reguladoras e a convocatoria de subvencións destinadas, para os anos 2022 e 2023, a persoas físicas ou cooperativas de traballo asociado, para a posta en marcha de casas do maior e a continuidade de casas do maior en funcionamento desde o ano 2019.
2. As subvencións destinaranse á consecución das seguintes finalidades:
a) A posta en marcha de casas do maior destinadas á atención de mulleres e homes maiores de 60 anos de idade, en situación de dependencia moderada e severa, grao I e grao II, respectivamente, e para persoas maiores sen dependencia, como recurso de promoción da autonomía persoal, mediante o seu establecemento nos concellos que non dispoñan de recursos de atención diúrna a persoas maiores ou naqueles concellos en que, existindo un único destes recursos de atención diúrna a persoas maiores, se presentase ante a Consellería de Política Social a solicitude do seu cesamento total e permanente de actividade.
Para efectos da orde, considerarase que no concello existen recursos de atención diúrna cando, de acordo cos datos que figuran no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, adscrito á Consellería de Política Social, conten con centros de día ou centros de día de alzhéimer con permiso de actividades.
b) A continuidade e o mantemento das casas do maior postas en marcha desde o ano 2019.
3. A concesión das subvencións establecidas nesta orde regularanse a través dos seguintes procedementos:
a) BS212A: subvencións para a posta en marcha de casas do maior.
b) BS212B: subvencións para a continuidade de casas do maior.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas para poñer en marcha un proxecto de casa do maior (procedemento BS212A) as persoas físicas que se establezan como empresarios autónomos ou que constitúan cooperativas de traballo asociado que, ademais do cumprimento do establecido na artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, reúnan os seguintes requisitos:
a) Estar en posesión ou contar, polo menos, cunha persoa socia que o estea, no caso de cooperativas de traballo asociado, de calquera das titulacións que se recollen a seguir, ou equivalentes, ou da formación ou experiencia seguinte:
1º. Grao en Medicina.
2º. Grao en Enfermaría.
3º. Título de técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría, establecido polo Real decreto 546/1995, do 7 de abril, polo que se establece o título de técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría e as correspondentes ensinanzas mínimas, ou os títulos equivalentes de técnico auxiliar de Clínica, técnico auxiliar de Psiquiatría e técnico auxiliar de Enfermaría, que se establecen no Real decreto 777/1998, do 30 de abril, polo que se desenvolven determinados aspectos da ordenación da formación profesional no ámbito do sistema educativo ou, se for o caso, calquera outro título que se publique cos mesmos efectos profesionais.
4º. Título de técnico en Atención a Persoas en Situación de Dependencia, regulado polo Real decreto 1593/2011, do 4 de novembro, polo que se establece o título de técnico de Atención a Persoas en Situación de Dependencia e se fixan as súas ensinanzas mínimas, ou o título equivalente de técnico de Atención Sociosanitaria ou, se for o caso, calquera outro título que se publique cos mesmos efectos profesionais.
5º. Título de técnico superior en Integración Social, establecido polo Real decreto 1074/2012, do 13 de xullo, polo que se establece o título de técnico superior en Integración Social e se fixan as súas ensinanzas mínimas, ou o título equivalente para aqueles profesionais que na data de publicación desta convocatoria se encontren traballando na categoría profesional de asistente persoal ou auxiliar de axuda a domicilio.
6º. O Certificado de profesionalidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, regulado polo Real decreto 1379/2008, do 1 de agosto, polo que se establecen dous certificados de profesionalidade da familia profesional Servizos socioculturais e á comunidade, que se engaden no Repertorio nacional de certificados de profesionalidade ou, se for o caso, calquera outro certificado que se publique cos mesmos efectos profesionais.
7º. O Certificado de profesionalidade de atención sociosanitaria a persoas no domicilio, regulado polo Real decreto 1379/2008, do 1 de agosto, ou o equivalente certificado de profesionalidade da ocupación de auxiliar de axuda a domicilio ou, se for o caso, calquera outro certificado que se publique cos mesmos efectos profesionais.
8º. Diploma que acredite a realización de cursos de formación integral e/ou complementaria para futuros profesionais da casa do maior. O curso terá unha duración de 30 horas e será impartido pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade.
9º. Habilitación para profesionais pertencentes ás categorías de persoal coidador, xerocultor, auxiliar de axuda no fogar e asistente/a persoal nos centros e servizos sociais do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, regulada pola Orde do 19 de novembro de 2018 pola que se regula o procedemento de obtención das habilitacións para profesionais pertencentes ás categorías de persoal coidador, xerocultor, auxiliar de axuda no fogar e asistente/a persoal nos centros e servizos sociais do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (códigos de procedemento BS800A e BS800B).
b) Residir en concellos que non dispoñan de recursos de atención diúrna a persoas maiores, nos cales se promova o establecemento da casa do maior, ou telo feito nos cinco anos anteriores á posta en marcha do proxecto.
c) Contar cun inmoble en condicións de accesibilidade nunha das poboacións mencionadas na letra anterior, ou dispoñer del con anterioridade á posta en marcha da casa do maior, nos termos establecidos na orde.
d) Acreditar unha revisión médica anual. No caso de cooperativas de traballo asociado, esta revisión médica deberá estar referida á/s persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto.
e) Dispoñer dun certificado de manipulador de alimentos.
2. Poderán ser beneficiarias das axudas para a continuidade do funcionamento das casas do maior (procedemento BS212B) as persoas físicas que se estableceron como empresarios autónomos ou que constituíron cooperativas de traballo asociado que no ano 2019 puxesen en marcha unha casa do maior subvencionadas ao abeiro da Orde do 24 de agosto de 2018 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior e se convocan en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2018 e 2019.
Só poderán acceder ás axudas aquelas persoas promotoras de casas do maior que conten, polo menos, cunha persoa usuaria nos anos 2020 e 2021 ou respecto das cales existan solicitudes de persoas usuarias pendentes de tramitación na data de publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Permanencia mínima da actividade subvencionada.
No procedemento BS212A, o período mínimo de permanencia da actividade empresarial subvencionada será de cinco (5) anos contados desde a data de posta en marcha da casa do maior. Entenderase como data de posta en marcha a data da resolución de concesión da axuda. Exceptúanse deste requisito aqueles supostos en que causas de forza maior allea á vontade do/da profesional ou cooperativa que o leve a cabo ou a falta de demanda impidan o desenvolvemento da actividade nas condicións establecidas no artigo 2.6.