viernes, 18 de febrero de 2022

AXUDAS PARA ACTIVIDADES FORMATIVAS NON REGRADAS DE DIVULGACIÓN QUE IMPULSEN O COÑECEMENTO, A COMPETITIVIDADE E A INNOVACIÓN DA INDUSTRIA FORESTAL-MADEIRA DE GALICIA

 AXENCIA GALEGA DA INDUSTRIA FORESTAL

RESOLUCIÓN do 4 de febreiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2022, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas para a organización de actividades formativas non regradas e de divulgación que impulsen o coñecemento, a competitividade e a innovación da industria forestal-madeira de Galicia (código de procedemento IN501A), tramitada como anticipada de gasto.

Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto a aprobación das bases reguladoras para a concesión das axudas para a organización de accións formativas non regradas e de divulgación que impulsen o coñecemento e destaquen a importancia estratéxica da industria forestal-madeira, a competitividade, o deseño, a innovación e o desenvolvemento sustentable, en concordancia coa Estratexia de Formación e coa Axenda de Impulso da Industria Forestal-Madeira, e proceder á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2022, para o desenvolvemento de proxectos tractores e proxectos singulares (código de procedemento IN501A).
2. A finalidade desta resolución é mellorar e reforzar as habilidades profesionais para incrementar a competitividade e o coñecemento en todas as fases da cadea de valor, así como colaborar coa finalidade das asociacións do sector. Estas axudas teñen como obxectivo estratéxico contribuír a unha concienciación colectiva baseada na percepción da industria forestal-madeira como unha industria estratéxica, innovadora, moderna e peza esencial na transición cara ao novo modelo de economía circular, favorecendo a participación dos axentes clave na divulgación da utilidade da madeira e os seus produtos derivados.

Entidades beneficiarias
1. Poderán ser entidades beneficiarias sempre que, con anterioridade á publicación desta resolución, cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta:
a) Asociacións, organizacións, fundacións de interese galego e entidades sen ánimo de lucro, que teñan base asociativa e sexan representativas ou relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira.
b) Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEI) representativas ou relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira.
c) Colexios profesionais cando as actividades subvencionables se correspondan co seu obxecto e fins sociais, segundo o disposto nos seus estatutos.
2. Con carácter xeral, as entidades beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Estar legalmente constituídas e rexistradas nos rexistros competentes e estar ao día nos deberes referidos ao depósito de documentos e inscrición de acordos nos devanditos rexistros.
b) Non estar incursos en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin ter pendentes de pago débedas coa Comunidade Autónoma, así como estar ao día nos seus deberes tributarios e coa Seguridade Social.
c) Realizar as actividades obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.
d) Ter domicilio social e actividade en Galicia, con data anterior á publicación da presente resolución.
3. As entidades solicitantes poderán concorrer ás axudas de maneira individual ou conxuntamente con outras das sinaladas no parágrafo primeiro deste artigo.
3.1. No caso de proxectos individuais, unicamente poderá presentarse unha solicitude por entidade (ben sexa proxecto tractor ou singular). En caso de presentar máis dunha solicitude individual terase en conta a presentada en último lugar e procederase á non admisión das restantes presentadas.
3.2. No caso de proxectos conxuntos, non hai límite de presentación de solicitudes por entidade.
Neste caso, todas estas entidades solicitantes quedan obrigadas solidariamente ao cumprimento dos deberes que deriven da concesión da subvención e ao cumprimento do establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Ademais, as entidades solicitantes deben compartir, polo menos, o 80 % das actividades propostas, e deberán facer constar os compromisos de execución asumidos por cada unha das entidades solicitantes, así como o importe da subvención que se aplicará por cada unha delas, que terán igualmente a consideración de entidades beneficiarias. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poder suficiente para cumprir os deberes que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación, e que será o interlocutor único ante a Administración.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no DOG desta resolución.