martes, 1 de junio de 2021

OBRADOIROS E AXUDAS Á DIXITALIZACIÓN INDUSTRIA 4.0 PARA 2021

 INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 18 de maio de 2021 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos obradoiros e das axudas á dixitalización Industria 4.0 para o ano 2021 susceptibles de ser financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG300C).

AXUDAS Á DIXITALIZACIÓN INDUSTRIA 4.0 PARA 2021

Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto a posta en marcha de proxectos cuxa finalidade sexa a implantación de solucións para o soporte dixital de procesos dunha empresa ou para proxectos de interconexión dixital de procesos entre unha peme galega e outras empresas ou entre dúas ou máis pemes galegas como poden ser ordes de fabricación distribuída, sistemas de facturación ou procesos entre un líder industrial cara ás pemes que conforman a súa cadea de valor.
Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:
a) Proxectos colectivos, en que un grupo de empresas (opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:
1º. Propoñen utilizar e implantar un determinado sistema nas súas interaccións dixitais.
2º. Propoñen a implantación dun sistema de dixitalización, dalgún proceso ou de xestión integral, especificamente deseñado ou desenvolvido para o seu ámbito de actividade.
b) Proxectos individuais en que unha peme aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:
1º. Desenvolvemento dunha interface dixital para as súas interaccións de negocio, ou adopción/implantación dunha solución de interacción xa existente cos seus clientes ou provedores.
2º. Sistemas de intelixencia artificial, aprendizaxe automática e toma de decisións autónomas, interconexión de elementos físicos e virtuais, tratamento de datos captados (intelixencia de negocio, big data e similares) e ciberseguridade.
3º. Implementación de sistemas encamiñados á dixitalización de procesos concretos ou de xestión integral (ERP, CRM e similares).
Os proxectos da modalidade a) terán preferencia sobre os da modalidade b).
O gasto subvencionable mínimo dos proxectos deberá ser de 12.000 €.

Beneficiarios
As pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014), calquera que for a súa forma xurídica, e que teñan un centro de traballo en Galicia no cal se vaia realizar o proxecto.
As pemes poderán solicitar axudas á tipoloxía de proxectos individuais descritos no artigo 5.1.b) das bases.
Para poder solicitar as axudas á tipoloxía de proxectos colectivos descritos no artigo 5.1.a) das bases, os interesados deberán previamente constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que terá que estar constituída polo menos por dúas pemes con centro de traballo en Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

OBRADOIROS Á DIXITALIZACIÓN INDUSTRIA 4.0

Obxecto
O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva. Os obradoiros concíbense como espazos de encontro entre empresas para explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración que dean lugar a proxectos de implementación de ferramentas dixitais colaborativas sectoriais susceptibles de optaren ás axudas establecidas nestas bases ou noutras convocatorias, ou ben oportunidades de hibridación intersectorial.

Beneficiarios
Os organismos intermedios de carácter empresarial de Galicia. Entenderanse como tales para os efectos destas axudas:
a) Entidades con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, que pertenzan a unha das seguintes categorías: asociacións empresariais, fundacións empresariais ou universidade-empresa, clústers empresariais ou hubs de innovación dixital ao abeiro da Estratexia galega de HID.
b) Centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, BOE nº 20, do 23 de xaneiro de 2009).

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.