jueves, 3 de junio de 2021

BOLSA DO CONSELLO EUROPEO DE INVESTIGACION, NA MODALIDADE DE INVESTIGADOR DISTINGUIDO

 AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN

RESOLUCIÓN do 26 de maio de 2021 pola que se convoca un posto de persoal investigador, na modalidade de investigador distinguido, para beneficiarios dunha bolsa do Consello Europeo de Investigación (ERC), no marco do programa Oportunius (código de procedemento IN859A).

Praza número: 1.
Dominio ERC: Ciencias Físicas e Enxeñaría.
Bolsa ERC: ERC Consolidator Grant.
Titulación: doutor/a.
Órgano responsable: Axencia Galega de Innovación.
Entidade en que se desenvolverá a actividade investigadora: organismo público de investigación radicado na Comunidade Autónoma de Galicia, a determinar polo/a candidato/a ao posto.
Tipo de persoal: laboral do grupo I.

Obxecto da convocatoria
A presente convocatoria ten por obxecto a cobertura, baixo a modalidade de persoal investigador distinguido, dunha praza de investigador/a para persoas beneficiarias de bolsas do European Research Council (ERC) Consolidator Grant (anexo I).

Requisitos dos/das aspirantes
5.1. As persoas aspirantes deben reunir os requisitos seguintes:
a) Estar en posesión dunha bolsa ERC Consolidator Grant.
b) Ter a titulación de doutor/a ou equivalente.
c) Ter nacionalidade española, ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as. Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións, poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores de idade dependentes. Así mesmo, poderán participar os estranxeiros con residencia legal en España.
d) Non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitacións físicas ou psíquicas incompatibles co desempeño das correspondentes funcións.
e) Ter feitos os dezaseis anos.
f) Non ter sido separado/a do servizo de calquera Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin atoparse inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas. As persoas aspirantes que non teñan a nacionalidade española deberán acreditar, igualmente, non estar sometidas a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.
g) Non atoparse en situación de inhabilitación absoluta ou especial para os empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo ou escala de funcionario ou para exercer funcións similares ás que desenvolvían, no caso de persoal laboral, no que fora separado/a ou inhabilitado/a.
h) Dispoñer dun compromiso de acollida por parte dun organismo público de investigación de Galicia para que o/a investigador/a desenvolva a súa actividade nel. Neste compromiso, que deberá ser achegado pola persoa candidata, a institución de acollida comprometerase a asinar un convenio coa Axencia Galega de Innovación segundo establece o artigo 9 do Decreto 64/2016.
5.2. Os requisitos deberán cumprirse no momento da formalización do contrato.

Solicitudes e prazo de presentación
6.1. O prazo para presentar as solicitudes será de quince días naturais, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
6.2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). No caso de persoas solicitantes estranxeiras, co fin de proceder á solicitude e trámites por medios electrónicos, designarán un representante con sinatura dixital en España. A solicitude deberá reunir todos os datos de identificación requiridos.

Esta convocatoria ten por destinatario persoal investigador con bolsa ERC Consolidator Grant. As bolsas ERC teñen como finalidade apoiar proxectos de investigación na fronteira do coñecemento de calquera temática, xa sexan do mesmo país ou de calquera país do mundo sempre que desenvolvan o traballo nun ou varios dos Estados membros da UE ou dos países asociados.

Polo tanto, de acordo co sinalado polo artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a obrigatoriedade da presentación electrónica de solicitudes xustifícase no colectivo a que se dirixe: persoal investigador de recoñecido prestixio nacional e internacional con bolsas do European Research Council (ERC).