martes, 1 de junio de 2021

CONVOCATORIA PROBAS DE APTITUDE PARA A OBTENCIÓN DO TÍTULO DE XESTOR ADMINISTRATIVO

 VICEPRESIDENCIA PRIMEIRA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E TURISMO

RESOLUCION do 24 de maio de 2021, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, pola que se convocan as probas de aptitude para a obtención do título de xestor administrativo.

Solicitude
1. As persoas que desexen participar nas expresadas probas de aptitude presentarán a correspondente solicitude, dirixida á persoa titular da presidencia do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia, conforme o modelo que consta no anexo III.
2. O impreso de solicitude será facilitado polo Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia (rúa Durán Loriga, 2, 1º, 15003 A Coruña), e estará ao dispor dos interesados na páxina web do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia (www.ga-galicia.com).

Presentación de solicitudes
As solicitudes deberán presentarse no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia, por calquera dos procedementos seguintes:
a) Presentación en soporte papel:
As solicitudes presentaranse na sede do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia (rúa Durán Loriga, 2, 1º, 15003 A Coruña) ou nas súas delegacións de Lugo (rúa Bolaño Rivadeneira, 2, entresollado, 27001 Lugo), Ourense (rúa do Concello, 14, entresollado, 34003 Ourense), Pontevedra (rúa Blanco Porto, 9, 1º, 36001 Pontevedra) e Vigo (rúa Montero Ríos, 14, 1º, 36201 Vigo) ou a través das oficinas de Correos mediante envío certificado.
b) Presentación telemática:
As solicitudes presentaranse por vía electrónica a través da páxina web do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia (www.ga-galicia.com).

Requisitos
Para concorrer ás probas de aptitude, as persoas aspirantes deberán posuír, na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da publicación da relación de aspirantes declarados aptos os seguintes requisitos:
a) Ser español, nacional dun Estado membro da Unión Europea, dos demais signatarios do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo, ou dun país que conceda reciprocidade de títulos e dereitos. No caso de cidadáns doutros Estados, as persoas aspirantes deberán acreditar o permiso de residencia en España.
b) Ser maior de idade.
c) Non ser condenado a penas que inhabiliten para o exercicio de funcións públicas nin estar inhabilitado para o desempeño de funcións públicas no ámbito de ningún dos Estados membros da Unión Europea, dos demais signatarios do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo ou dos países con que existan convenios de reciprocidade.
d) Estar en posesión dalgún dos seguintes títulos académicos:
– Licenciatura en Dereito, en Ciencias Económicas, en Ciencias Empresariais ou en Ciencias Políticas, de conformidade co artigo 6.e) do Decreto 424/1963, do 1 de marzo, de aprobación do Estatuto orgánico de xestor administrativo.
– Licenciatura no ámbito das Ciencias Económicas e Empresariais, do Dereito e das Ciencias Políticas que as sucederon no extinto Catálogo de títulos universitarios oficiais de España.
– Máster universitario implantado ao abeiro do Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, adscrito á rama de coñecemento das Ciencias Sociais e Xurídicas e vinculado ao campo disciplinar dalgunha das licenciaturas requiridas polo estatuto orgánico.
– Titulación universitaria oficial obtida noutros Estados que acredite o seu equivalencia ao nivel MECES 3 e a súa homologación respecto a algunha das titulacións anteriores.