viernes, 21 de mayo de 2021

SUBVENCIÓNS PARA PROXECTOS DE INVESTIGACIÓN E PARA A CREACIÓN DE GRUPOS DE INVESTIGACIÓN EN MATERIA DE COOPERACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO NO MARCO DA AXENDA 2030

 VICEPRESIDENCIA PRIMEIRA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E TURISMO

ORDE do 7 de maio de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de proxectos de investigación e para a creación de grupos de investigación en materia de cooperación para o desenvolvemento no marco da Axenda 2030, que van executar os grupos e centros de investigación das universidades galegas, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento PR815A).

Obxecto
A presente convocatoria establece as condicións para a concesión de subvencións, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para (procedemento PR815A):
a) A realización de proxectos de investigación que teñan como obxectivo a promoción do desenvolvemento humano e sostible, consonte a axenda nacional e internacional de desenvolvemento e en particular aliñados cos ODS de Nacións Unidas.
É necesario que os proxectos sexan relevantes para a cooperación para o desenvolvemento, e que o seu contido estea claramente relacionado con este área, non sendo financiables nesta convocatoria as colaboracións científicas sen esta dimensión.
b) A creación de grupos de investigación, uni ou multidisciplinares, interuniversitarios ou non, no ámbito da cooperación para o desenvolvemento, que teñan como obxectivo principal a especialización na investigación en cooperación para o desenvolvemento, que consolide liñas de investigación nesta materia no SUG.

Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións as universidades do Sistema universitario de Galicia e serán destinatarios/as os/as investigadores/as individuais ou equipos e grupos de investigación do Sistema universitario de Galicia (SUG).
Para os efectos destas axudas enténdese por equipo ou grupo de investigación o conxunto do persoal investigador que baixo a dirección dun deles desenvolven un proxecto de investigación concreto. Os seus membros deben pertencer ao SUG, coa excepción dos considerados nas alíneas d) e e) do punto seguinte.
O equipo e grupo de investigación poderase constituír co seguinte tipo de membros:
a) Persoal investigador doutor con vinculación estatutaria ou contractual estable no SUG. Considéranse dentro desta categoría a catedráticos e profesores titulares de universidades ou escolas universitarias, profesores contratados doutor ou axudantes doutor, contratados dos programas Ramón y Cajal, Juan de la Cierva, Marie Curie u outros similares (sempre que teña adscrición a unha universidade do SUG durante toda a vixencia da axuda).
b) Persoal investigador non doutor con vinculación estatutaria ou contractual no SUG, ou mantida polo menos durante a vixencia do proxecto.
c) Persoal investigador en formación: persoal con vinculación ao SUG en figuras específicas de formación investigadora, nomeadamente axudantes, persoal contratado en formación, contratados predoutorais ou con cargo a proxecto e bolseiros predoutorais de convocatorias públicas.
d) Investigadores asociados: persoal investigador doutor vinculado a outro organismo de investigación que se considera relevante para o correcto desenvolvemento do proxecto. Inclúese nesta categoría ao persoal docente doutor dos centros de ensino non universitario.
e) Persoal de apoio: persoal técnico ou calquera outro persoal contratado para a realización de tarefas de apoio á investigación no desenvolvemento de proxectos concretos de investigación e persoal sen vinculación a un organismo de investigación.
O/a investigador/a principal que exerce a dirección dun proxecto e/ou grupo de investigación deberá ser doutor/a e pertencer a algunha das categorías incluídas na aliña a) do punto anterior.
Ningún/nha investigador/a individual e/ou membro dos equipos e grupos de investigación poderá presentar máis dun proxecto, aínda que si poderá estar incorporado/a en máis dun equipo ou grupo de investigación no ámbito desta convocatoria.
Tamén poderán acceder ás subvencións os proxectos presentados en agrupación con calquera das entidades definidas como axentes de cooperación segundo o disposto na Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, e no Decreto 29/2017, do 9 de marzo, de cooperación para o desenvolvemento.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.