jueves, 2 de julio de 2020

SUBVENCIÓNS PARA PROXECTOS DE ENERXÍAS RENOVABLES TÉRMICAS PARA 2020-21

AXENCIA INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA


Obxecto e normativa de aplicación
1. O obxecto destas bases e apoiar proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso racional das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de enerxía térmica mediante equipamentos que utilicen biomasa como combustible e outras instalacións de enerxías renovables que utilicen como fonte enerxética a xeotermia, a aerotermia e a solar térmica (código de procedemento IN421G).
2. O procedemento administrativo para a concesión de subvencións será o de concorrencia competitiva e axustarase ao disposto nas propias bases, sen prexuízo do establecido na seguinte normativa de alcance xeral: Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro); Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño); Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro); Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3. As axudas recollidas nesta bases reguladoras, a excepción daquelas en que os beneficiarios sexan administracións públicas locais ou entidades xurídicas sen ánimo de lucro que non poidan emprender actividades económicas que repercutan en terceiros, están suxeitas ás condicións que se establecen no capítulo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (Regulamento xeral de exención por categorías) publicado no DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014.
As entidades xurídicas sen ánimo de lucro cando realicen actividades económicas de forma regular estarán suxeitas ás condicións que se establecen no citado capítulo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.
A presente convocatoria refírese ás axudas que aparecen definidas no capítulo III, sección 7, artigo 41.6.b) (Axudas ao investimento para a promoción de enerxía procedente de fontes renovables) do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 14 de xuño de 2014.

Beneficiarios
1. Poderán acceder á condición de beneficiarios das presentes subvencións:
a) As entidades locais de Galicia e entidades dela dependentes.
b) As entidades sen ánimo de lucro.
c) Empresas legalmente constituídas e autónomos.
2. As empresas deberán cumprir co criterio de autonomía e demais requisitos que se establecen no anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías.
3. Os requisitos para obter a condición de beneficiarios deberanse cumprir, como moi tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.
4. As entidades sen ánimo de lucro non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes será de un (1) mes, contado desde o día seguinte ao de publicación desta resolución no DOG.
A publicación dos formularios de solicitude no DOG faise unicamente para efectos informativos.
2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, www.inega.gal, de conformidade co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.