jueves, 16 de julio de 2020

AXUDAS PARA INVESTIMENTO NA MELLORA DAS INFRAESTRUTURAS E EQUIPAMENTO DAS ESCOLAS INFANTÍS 0-3 DEPENDENTES DE ENTIDADES DE INICIATIVA SOCIAL

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL


Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas ás entidades privadas de iniciativa social sen ánimo de lucro para a adecuación e mellora das escolas infantís 0-3 da súa titularidade a través da realización das obras menores e da compra do equipamento precisos, na consideración de que a calidade das infraestruturas e do mobiliario e recursos educativos utilizados son un factor básico de impulso da calidade da atención prestada (código de procedemento administrativo BS403F).
2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as ditas axudas para o ano 2020.

Entidades beneficiarias
1. As entidades privadas de iniciativa social sen ánimo de lucro que teñan en funcionamento unha ou máis escolas infantís 0-3 que desenvolva/n a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia sempre que a/s escola/s para a/s que solicita/n a axuda cumpra/n os seguintes requisitos:
a) Os establecidos no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección de servizos sociais en Galicia, entre eles, a inscrición no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, no Decreto 192/2015, do 29 de outubro, polo que se define a Carteira de servizos sociais de familia, infancia e adolescencia, así como na normativa de desenvolvemento, se é o caso.
b) Aplicar unha tarifa de prezos equivalente ao réxime de prezos previsto na normativa autonómica aplicable.
2. A entidade beneficiaria non poderá ter recibido axudas financiadas con Fondos Estruturais e de Investimento Europeos 2007-2013 (en diante, fondos EIE) para o mesmo concepto de gasto.
3. Non se poderá obter a condición de entidade beneficiaria destas subvencións cando concorra algunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Todos os requisitos e condicións esixidos deberán cumprirse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

Accións e gastos subvencionables
Subvencionaranse actuacións destinadas á realización de obras menores de adecuación e mellora das infraestruturas dos centros de atención á primeira infancia, así como obras novas de escasa contía que melloren a accesibilidade ou doten o edificio de servizos necesarios, a compra de mobiliario interior e exterior e de material didáctico e de xogo e a dotación de conexión á internet e a compra de dispositivos para a integración das novas tecnoloxías na aula, tales como ordenadores, encerados dixitais, gravadoras, cámaras de vídeo ou similares.

Prazo de presentación de solicitudes
Será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.