lunes, 12 de febrero de 2018

AXUDAS DESTINADAS Á CREACIÓN DE EMPRESAS PARA ACTIVIDADES NON AGRÍCOLAS EN ZONAS RURAIS (GALICIA RURAL EMPRENDE)

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA


Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto a creación de emprego nas zonas rurais mediante axudas á primeira implantación e desenvolvemento de novas actividades económicas non agrarias viables, que deben contribuír á diversificación económica, crecemento de emprego, sustentabilidade do medio rural e equilibrio territorial, tanto en termos económicos como sociais.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios destas axudas:
a) Os titulares ou membros dunha unidade familiar dunha explotación agraria que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación. A explotación agraria deberá estar inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) e ter a cualificación de explotación agraria prioritaria no momento da solicitude da axuda. Para estes efectos, considerarase que forman parte da unidade familiar dunha explotación os familiares da persoa titular ata o terceiro grao de consanguinidade ou afinidade que estean empadroados no domicilio familiar vinculado á explotación.
b) As microempresas e pequenas empresas, segundo a definición do anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014, do 17 de xuño, de nova creación ou que inicien unha actividade distinta á que tiña no momento da solicitude da axuda.
c) As persoas físicas que residan nunha zona rural e que creen unha nova empresa ou que inicien unha actividade distinta da que tiña no momento da solicitude da axuda. Para estes efectos, considerarase zona rural o territorio elixible segundo o previsto no artigo 1.1 destas bases reguladoras.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.