viernes, 29 de diciembre de 2017

TARXETA BENVIDA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL


Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión dunha axuda económica para as familias que no ano 2018 teñan un/unha fillo/a, adopten ou estean en situación de garda con fins adoptivos dun neno ou nena nado/a en 2018 (BS403B), e proceder á súa convocatoria.
2. A axuda farase efectiva a través da tarxeta Benvida, a cal só poderá ser utilizada en farmacias, parafarmacias, supermercados, tendas de alimentación e establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para a infancia.
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se encontren nun dos seguintes supostos:
a) Ter fillas ou fillos, tanto por natureza como por adopción, nadas/os entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2018.
b) Estar en situación de garda con fins adoptivos dun ou máis nenos/as nados/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2018.
2. Tamén se poderán beneficiar da axuda as galegas e os galegos e os seus descendentes que se encontren en calquera dos dous supostos anteriores e, tendo residido fóra de España, retornen a Galicia durante o ano 2018.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produce o nacemento ou se dita a resolución administrativa ou xudicial para os supostos de garda con fins adoptivos e de adopción. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día do nacemento ou do día en que se ditou a resolución de adopción ou de garda con fins adoptivos.
No suposto de que a persoa solicitante sexa emigrante retornada a Galicia en 2018 e sempre que o fillo ou a filla nacese con anterioridade ao seu regreso, este prazo de dous meses contarase a partir do día seguinte a aquel que conste na documentación que acredite fidedignamente a data de retorno a España. Así mesmo, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal da data que figure na dita documentación acreditativa.