viernes, 29 de diciembre de 2017

OBRADOIRO E AXUDAS Á DIXITALIZACIÓN INDUSTRIA 4.0. OBRADOIROS E AXUDAS Á DIXITALIZACIÓN INDUSTRIA 4.0

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA



Obxecto
Os obradoiros concíbense como espazos de encontro entre empresas para explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración que dean lugar a proxectos de implementación de ferramentas dixitais colaborativas sectoriais susceptibles de optaren ás axudas establecidas nestas bases ou noutras convocatorias, ou ben oportunidades de hibridación intersectorial.
Entidades beneficiarias
Os organismos intermedios de carácter empresarial de Galicia. Entenderase como tal para efectos destas bases:
a) Entidades con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, que pertenzan a unha das seguintes categorías: asociacións empresariais, fundacións empresariais ou universidade-empresa ou clústeres empresariais.
b) Centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, BOE nº 20, do 23 de xaneiro de 2009).
Prazo de presentación de solicitudes
Os prazos de presentación de solicitudes serán os seguintes:
Liña IG239.1 Obradoiros: desde o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 28.2.2018.
Liña IG239.2 Obradoiros: desde o 2.4.2018 ata o 15.5.2018.

Obxecto
As axudas ás pemes van destinadas á posta en marcha de proxectos cuxa finalidade sexa o soporte de procesos sectoriais multiempresa, como poden ser ordes de fabricación distribuída, sistemas de facturación, procesos entre un líder industrial cara ás pemes que conforman a súa cadea de valor e outros que impliquen necesariamente a interconexión dixital de procesos entre unha peme galega e outras empresas ou entre dúas ou máis pemes galegas. Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:
a) Proxectos colectivos, nos que un grupo de empresas (opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) propoñen utilizar e implantar un determinado sistema nas súas interaccións dixitais.
b) Proxectos individuais nos que unha peme aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:
1º. Desenvolvemento dunha interface dixital para as súas interaccións de negocio, ou adopción/implantación dunha solución de interacción xa existente cos seus clientes ou provedores.
2º. Implementación de sistemas especificamente no ámbito da produción e loxística encamiñados á dixitalización de procesos, interconexión de elementos físicos e virtuais, tratamento de datos captados mediante sensórica.
3º. Sistemas de intelixencia artificial, aprendizaxe automática e toma de decisións autónomos.
Os proxectos da modalidade a) terán preferencia sobre os da modalidade b).
Entidades beneficiarias
As pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), que sexan sociedades con personalidade xurídica propia ou autónomos e que teñan un centro de traballo en Galicia no que se vaia realizar o proxecto.

As pemes poderán solicitar axudas á tipoloxía de proxectos individuais descritos no artigo 5.b). das bases.
Para poder solicitar as axudas á tipoloxía de proxectos colectivos descritos no artigo 5.a) das bases, os interesados deberán previamente constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que terá que estar constituída polo menos por dúas pemes con centro de traballo en Galicia.
Cada agrupación só poderá presentar un proxecto. As pemes poderán presentar proxectos individuais e participar nunha ou máis agrupacións, sempre que os investimentos e gastos de cada unha das solicitudes sexan distintos.
Prazo de presentación de solicitudes
Os prazos de presentación de solicitudes serán os seguintes:
Liña IG240.1 Axudas: desde o día seguinte á publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 15.3.2018.
Liña IG240.2 Axudas: desde o 1.6.2018 ata o 5.9.2018.