martes, 7 de noviembre de 2017

DATA, HORA E LUGAR PROBAS CONSTATACIÓN DA COMPETENCIA PROFESIONAL DE XESTOR DE TRANSPORTE POR ESTRADA

CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E VIVENDA


Primeiro. Os exercicios da segunda convocatoria do ano 2017 das probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada terán lugar o 26 de novembro de 2017, no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia (rúa Miguel Ferro Caaveiro, s/n, San Lázaro, Santiago de Compostela).

Segundo. Os/as aspirantes que fosen admitidos/as para realizar as probas serán citados/as en chamamento único segundo a seguinte distribución:

a) Transporte interior e internacional de mercadorías: todos eles/as ás 9.00 horas.

b) Transporte interior e internacional de viaxeiros: todos eles/as ás 16.15 horas.

Terceiro. Unha vez situados/as os/as aspirantes dentro da aula, non se permitirá a súa saída, agás no suposto de entrega do exercicio. Non obstante, o tribunal poderá apreciar a concorrencia de circunstancias médicas debidamente acreditadas, como no suposto de mulleres embarazadas, toma de medicamentos, ou similares, que fagan necesario que o/a aspirante teña que ir ao baño.

Cuarto. Os/as aspirantes deberán presentarse provistos/as de DNI en vigor ou doutro documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal, tamén en vigor; a súa falta dará lugar á non admisión do/da aspirante para realizar as probas. Recoméndaselles igualmente aos/ás aspirantes que concorran provistos/as da copia da solicitude de admisión e da folla xustificativa do pagamento das taxas de exame.

Así mesmo, deberán dispor dun lapis do número 2 e goma de borrar para realizar o exame, de xeito que se poida efectuar a súa corrección mediante mecanismos automatizados. Poderán tamén levar máquinas calculadoras sen memoria RAM para realizar as operacións matemáticas que resulten necesarias.

Quinto. Non se permitirá o acceso á sala onde se realizarán os exercicios con teléfonos móbiles.

Igualmente, tampouco se permitirá o acceso e tenza de axendas ou outros dispositivos de carácter electrónico, agás o indicado no punto anterior respecto das máquinas calculadoras. Do mesmo xeito, queda prohibido o acceso con calquera outro material ou instrumento de que se poida valer o/a aspirante para auxiliarse na realización das probas.

Advírtese que non haberá servizo de recollida de teléfonos móbiles.