martes, 7 de noviembre de 2017

AXUDAS PARA A CONCILIACIÓN POR MATERNIDADE OU PATERNIDADE DA PERSOA TRABALLADORA AUTÓNOMA

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto
Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a convocatoria pública das axudas a persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que, unha vez finalizada a súa baixa por maternidade ou paternidade, amplíen a contratación da persoa que tiñan contratada para cubrir a dita baixa no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TR341R).

Persoas e entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas traballadoras que estean dadas de alta no réxime especial da Seguridade Social de traballadores por conta propia ou autónomos, que tivesen realizado un contrato de interinidade por maternidade ou paternidade e, no prazo dos quince días seguintes á súa finalización, subscriban outro contrato coa mesma persoa, que, segundo o anexo I, teña o seu centro de traballo (ou domicilio social, no caso de carecer deste) na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Tamén serán beneficiarias as sociedades que realicen unha contratación nas mesmas condicións que no parágrafo anterior con respecto ás persoas autónomas societarias.

Prazo de presentación de solicitudes
1. As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de xaneiro de 2017 e a data da publicación desta orde deberán presentarse no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

2. Para as axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde haberá o prazo dun mes desde a data da contratación subvencionada. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.