martes, 14 de marzo de 2017

CONVOCATORIA PROBAS CONSTATACIÓN DA COMPETENCIA PROFESIONAL DAS FUNCIÓNS DE XESTOR DE TRANSPORTE POR ESTRADA

CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E VIVENDA


Convocatoria das probas
Convócanse probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte  en empresas de transporte por estrada, tanto na súa modalidade de mercadorías como na de persoas viaxeiras, para a Comunidade Autónoma de Galicia e para o ano 2017 (códigos de procedementos MT312A - MT312B).
Calendario das probas
1. As probas terán lugar preferentemente en sábado, domingo ou festivo abranguido entre:
– Primeira convocatoria: entre o 1 de abril e o 11 de xuño de 2017;
– Segunda convocatoria: entre o 30 de setembro e o 26 de novembro de 2017.
2. As persoas aspirantes que cumpran os requisitos para se presentaren ás probas poderán facelo a calquera das convocatorias, ou ás dúas sucesivamente; igualmente, en calquera delas poderán presentarse á modalidade de xestor de transporte para empresas de transporte de mercadorías por estrada e á de xestor de transporte para empresas de transporte de persoas viaxeiras por estrada, ou só a unha delas.
Requisitos das persoas aspirantes
Para poder participar nas probas de xestor de transporte será preciso ter residencia habitual en Galicia antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes.
Para tal efecto, presumirase que a residencia habitual da persoa aspirante está no lugar en que figure o seu domicilio no documento nacional de identidade en vigor; só se admitirá que o domicilio sexa distinto ao que apareza no referido documento cando se dea algunha das seguintes circunstancias:
– Que a persoa aspirante acredite que tivo o seu domicilio en Galicia, cando menos, durante cento oitenta e cinco (185) días naturais do último ano, contados desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes para concorrer aos exercicios;
– Que a persoa aspirante acredite que, sen cumprir o requisito do punto anterior, se viu obrigada por razóns familiares ou profesionais a cambiar a súa residencia en Galicia; non obstante, non se entenderá cumprida esta exixencia nin cando se trate de estadías temporais nunha localidade para a realización dunha actividade de duración determinada, nin cando se trate de supostos de asistencia a unha universidade, escola ou centro docente.
Solicitudes
1. As solicitudes para tomar parte nas probas axustaranse ao modelo normalizado que se recolle como anexo I desta resolución, e que estará dispoñible tanto na guía de procedementos (https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos) como na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) co código MT312A.
2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. Os prazos de presentación de solicitudes establécense do seguinte xeito:
a) Primeira convocatoria: no prazo de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
b) Segunda convocatoria: do 31 de xullo ao 18 de agosto, incluídos ambos os dous días.
4. A non presentación da solicitude e o non pagamento da taxa en tempo e forma suporá a exclusión da persoa aspirante; igualmente, a consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación presentada polas persoas aspirantes dará lugar á súa exclusión, sen prexuízo das demais medidas legais que correspondan.
O enderezo que se faga constar na solicitude considerarase como o único válido para os efectos de notificacións, e será responsabilidade exclusiva da persoa solicitante tanto o erro na súa consignación como a comunicación á Dirección Xeral de Mobilidade de calquera cambio del.