jueves, 9 de marzo de 2017

CONVOCATORIA DE CURSOS DE LINGUA GALEGA PREPARATORIOS DAS PROBAS PARA OBTER CELGA 1, CELGA 2, CELGA 3 e CELGA

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 28 de febreiro de 2017, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se anuncia, con carácter voluntario e gratuíto, a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4 (ED104B).

Obxecto
Esta resolución ten por obxecto anunciar a convocatoria, con carácter gratuíto, de cursos preparatorios para a consecución dos certificados de lingua galega (Celga), niveis 1, 2, 3 e 4.
Os cursos do nivel 1 impartiranse na modalidade de teleformación. Na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.lingua.gal) anunciarase, o mesmo día da publicación desta resolución, a súa convocatoria específica.
Os cursos dos niveis 2, 3 e 4 impartiranse na modalidade presencial nas datas, lugares e horarios recollidos no anexo II.
Destinatarios/as dos cursos
Os cursos preparatorios para os certificados de lingua galega (Celga) poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos ou por aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria.
 Solicitudes e prazo
1. Para conseguir o axeitado rendemento e o aproveitamento do curso hai que procurar a homoxeneidade dos coñecementos do alumnado, polo que, á hora de formular a solicitude dun curso dun determinado nivel Celga, deberase ter en conta a definición de contidos previstos na Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga), publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 146, do 30 de xullo.
2. As solicitudes dos cursos de teleformación efectuaranse de acordo coa convocatoria específica publicada na páxina web http://www.lingua.gal.
3. As solicitudes dos cursos presenciais dirixiranse á xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da provincia que corresponda. Os formularios de solicitude, segundo o modelo ED104B, estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal e na páxina web http://www.lingua.gal, que permiten cubrir e editar a solicitude.
No caso de que unha persoa teña algunha discapacidade, indicará na súa solicitude o grao de discapacidade, a acreditación correspondente, así como o apoio que precisará para poder realizar o curso.
Só se poderá presentar unha única instancia e solicitar un único curso por persoa. De existir máis dunha solicitude da mesma persoa ou de solicitar esta máis dun curso, anularanse todas as súas peticións.
As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, para o que se utilizará o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
O prazo para a presentación das solicitudes dos cursos será de 20 días naturais, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.