viernes, 17 de febrero de 2017

SUBVENCIÓNS A PRODUCIÓNS E COPRODUCIÓNS AUDIOVISUAIS DE CONTIDO CULTURAL GALEGO

AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS

RESOLUCIÓN do 6 de febreiro de 2017 pola que aproban as bases para a concesión de subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego e se convocan para o ano 2017.

Finalidade
A concesión de axudas, polo procedemento de concorrencia competitiva, a proxectos audiovisuais das seguintes modalidades:
1.a. Modalidade A: producións e coproducións de longametraxes cinematográficas de ficción, segundo as seguintes submodalidades:
– Modalidade A.1: longametraxes de ficción de autoría galega que poñan en valor a diversidade cinematográfica de Galicia e os recursos creativos, artísticos e técnicos do audiovisual galego, posúan unha alta capacidade de internacionalización e o seu orzamento total non supere o importe de 1.200.000 euros.
– Modalidade A.2: longametraxes que posúan un especial valor cinematográfico, cultural e social, fomenten o tecido industrial do sector audiovisual galego, teñan vocación de difusión e comercialización nacional e internacional e conten cun orzamento total de produción superior a 1.200.000 euros.
1.b. Modalidade B: producións e coproducións de longametraxes cinematográficas de animación que posúan un especial valor cultural e social, fomenten o tecido industrial do sector audiovisual galego e teñan vocación de difusión e comercialización nacional e internacional.
1.c. Modalidade C: produción e coprodución de longametraxes documentais con especial valor cinematográfico que non empreguen como especial instrumento a recreación de ficción.
1.d. Modalidade D: produción de curtametraxes de ficción, animación e documental de autoría galega e en versión orixinal galega, cunha duración máxima de 30 minutos.
1.e. Modalidade E: producións ou coproducións de autoría galega destinadas a seren emitidas por televisión de acordo coas seguintes submodalidades:
– Modalidade E1. Longametraxes e miniseries televisivas de ficción de autoría galega, que promovan a cultura galega, empreguen e salienten os valores creativos, artísticos e técnicos do audiovisual galego e teñan un decidido propósito de difusión. Consideraranse longametraxes de ficción para televisión aquelas producións que teñan unha duración mínima de 60 minutos. Consideraranse miniseries de ficción aquelas producións de 2 capítulos que teñan unha duración mínima de 52 minutos cada un.
– Modalidade E2. Longametraxes documentais para televisión de autoría galega que contribúan á difusión da cultura galega, a poñer en valor as manifestacións creativas e artísticas galegas ou aborden calquera aspecto da realidade social galega, pero sen empregar como principal instrumento a recreación de ficción. As longametraxes documentais para TV deberán ter un mínimo de 52 minutos de duración.
– Modalidade E3. Series de animación infantil e xuvenil destinadas a seren emitidas por televisión que destaquen polo seu carácter innovador, fomenten a aplicación das novas tecnoloxías da produción e teñan unha clara vocación de comercialización a nivel nacional e internacional. As series de animación deberán ter unha duración mínima global de 80 minutos.
Beneficiarias
Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas ou xurídicas, constituídas como produtoras audiovisuais independentes cunha antigüidade mínima e sen interrupcións dun ano (epígrafe IAE 9611), e con sucursal ou oficina permanente polo menos un ano, previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia. Por produtor independente enténdese, para os efectos desta convocatoria, toda persoa física ou xurídica privada, que teña a iniciativa e asuma a responsabilidade na produción audiovisual e non sexa obxecto de influencia dominante por parte dun prestador de servizo de comunicación/difusión audiovisual nin dun titular de canle de televisión privada nin, pola súa parte, exerza unha influencia dominante, tal e como establece o artigo 4.n) da Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema.
Prazo de presentación de solicitudes
Un mes desde o día seguinte ao da publicación deste extracto no Diario Oficial de Galicia.