lunes, 13 de febrero de 2017

PROBA PARA A OBTENCIÓN DE TÍTULO DE BACHAREL PARA MAIORES DE 20 ANOS

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


RESOLVO:
Convocar a proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos no ano 2017, na modalidade de Ciencias e nos dous itinerarios da modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais, conforme se dispón nas epígrafes seguintes:
Condicións das persoas aspirantes.
1.1. Poderán participar nestas probas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ser maior de 20 anos ou cumprir esa idade no ano 2017.
b) Non estar en posesión do título de bacharel ou de calquera outro título declarado equivalente para os efectos académicos.
c) Non estar a cursar ensinanzas de bacharelato en ningunha das súas modalidades ou réximes nin ter estado matriculado nesas ensinanzas no curso escolar 2016/17.
O incumprimento dalgún destes requisitos suporá a anulación da inscrición na convocatoria das probas e dos posibles resultados académicos obtidos nelas.
1.2. As persoas aspirantes poderán matricularse dos dous exercicios que integran a proba ou dun deles.
Poderanse matricular tamén na proba, para realizar o exercicio correspondente ás materias de Lingua Galega e Literatura I e II e ás materias xerais do bloque de materias troncais , as persoas aspirantes que teñan superadas as materias xerais e as materias troncais de opción propias da modalidade de Artes.
Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes.
2.1. O prazo de presentación das solicitudes será entre o 24 de febreiro e o 10 de marzo de 2017.
2.2. As solicitudes de inscrición deberán presentarse en soporte papel, nos centros educativos sinalados no apartado 3 desta epígrafe ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado (código do procedemento ED534A) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
2.3. Os centros onde se pode presentar a solicitude son os seguintes:
a) Centro EPA Eduardo Pondal, rúa da Educación, 3-2º andar, 15003 A Coruña.
b) IES San Clemente, rúa San Clemente, s/n, 15705 Santiago de Compostela.
c) Centro EPA Albeiros, parque da Milagrosa, s/n, 27003 Lugo.
d) Centro EPA de Ourense, rúa Álvarez de Sotomayor, 4, 32002 Ourense.
e) Centro EPA Río Lérez, avenida de Bos Aires, 26, 36002 Pontevedra.
f) Centro EPA Berbés, rúa Marqués de Valterra, 8-1º, 36202 Vigo.
Realización da proba.
A proba realizarase o día 21 de abril de 2017 en sesións de mañá e tarde no IES San Clemente de Santiago de Compostela.
10. Características da proba.
10.1. A proba organizarase de xeito diferenciado segundo as modalidades de Ciencias e Humanidades e Ciencias Sociais.
10.2. A proba constará de dous exercicios: o primeiro deles terá unha duración de cinco horas e o segundo, de tres horas e trinta minutos. Entre os dous exercicios haberá un descanso de dúas horas.
10.3. Os contidos dos exercicios terán como referente os aspectos básicos do currículo recollido no Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.
10.4. Primeiro exercicio, correspondente ás materias de Lingua Galega e Literatura I e II e ás materias xerais do bloque de materias troncais.
a) Primeira parte: Lingua Galega e Literatura I e II. Incluirá cuestións que medirán as habilidades e destrezas de expresión e comprensión e as capacidades de reflexión sobre aspectos lingüísticos, de interpretación crítica de textos e de análise e recoñecemento das características textuais. Tamén conterá preguntas sobre movementos literarios, obras e autores relevantes da literatura galega, nas que se valorarán as capacidades de comparación, interpretación e valoración crítica da persoa aspirante.
b) Segunda parte: Lingua Castelá e Literatura I e II. Incluirá cuestións que medirán as habilidades e destrezas de expresión e comprensión e as capacidades de reflexión sobre aspectos lingüísticos, de interpretación crítica de textos e de análise e recoñecemento das características textuais. Tamén conterá preguntas sobre movementos literarios, obras e autores relevantes da literatura en lingua castelá, nas que se valorarán as capacidades de comparación, interpretación e valoración crítica da persoa aspirante.
c) Terceira parte: Primeira Lingua Estranxeira I e II. A partir dun texto ou textos propostos, a persoa aspirante deberá demostrar as súas capacidades de comprensión e expresión escritas na lingua obxecto de exame, que poderá ser inglés ou francés.
d) Cuarta parte. Resposta por escrito a unha serie de cuestións relativas aos contidos das materias de Filosofía e Historia de España.
10.5. O segundo exercicio, diferente para cada modalidade, versará sobre as materias troncais xerais propias e as materias troncais de opción correspondentes a cada modalidade e itinerario. Avaliará o logro dos obxectivos propios do bacharelato e a adquisición das destrezas básicas das materias de modalidade, como a comprensión de conceptos, o manexo da linguaxe científica, a resolución de problemas e as capacidades de analizar, relacionar e sintetizar.
A persoa aspirante realizará os exercicios correspondentes ás materias troncais xerais propias da modalidade e itinerario que seleccione e doutras catro elixidas de acordo coas especificacións do anexo V.