jueves, 28 de enero de 2016

SUBVENCIÓN PARA O FOMENTO DO EMPREGO A TRAVÉS DOS PROGRAMAS DE COOPERACIÓN COAS ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro sinaladas no artigo 3, a través da contratación durante sete meses de persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia co obxecto de proporcionarlles unha experiencia e práctica profesional que facilite a súa inserción laboral.
2. Este programa ten por finalidade mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas, que non estean traballando nin participando en actuacións educativas ou formativas, de dezaoito ou máis anos, mediante a prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten as persoas participantes a realización dun traballo efectivo que procure a práctica profesional necesaria para a integración sostible no mercado de traballo.
Entidades beneficiarias. Requisitos
1. Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas na presente orde as entidades sen ánimo de lucro que dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos, sempre que non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Para seren beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ter personalidade xurídica e capacidade de obrar e estar debidamente inscritas no correspondente rexistro público.
b) Dispoñer de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos.
3. Para os efectos do disposto na letra b) do número anterior, presumirase que as entidades dispoñen de capacidade técnica e de xestión suficiente cando concorran, cando menos, dúas das seguintes circunstancias:
a) Que dispoñan dun centro de traballo, entendendo por tal unha oficina ou delegación permanente que poida ser habilitada para o efecto, na Comunidade Autónoma de Galicia, distinta da sede social da entidade cando coincida co domicilio das persoas físicas que outorgaran a escritura de constitución e/ou dirixen a entidade, en propiedade, arrendada ou cedida formalmente a esta.
b) Que sexan titulares dun contrato de telefonía fixa no citado local.
c) Que tivesen contratado por conta allea por máis de seis meses algún traballador ou traballadora nos últimos tres anos, sen que se poidan computar as persoas contratadas, nese período, mediante as axudas e subvencións correspondentes aos programas e medidas das políticas activas de emprego.
Prazo de solicitude
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.