miércoles, 13 de enero de 2016

PROGRAMA DE AXUDAS A AUTÓNOMOS POLA CONTRATACIÓN INDEFINIDA DE ASALARIADOS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto, finalidade e principios de xestión
1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2016 dos incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas realizada polas persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.
2. As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; no Proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 19 de outubro de 2015, no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu Regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.
3. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:
a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.
b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.
c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
Requisitos
1. Os incentivos previstos nesta orde serán de aplicación ás contratacións indefinidas iniciais que se realicen polas persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con persoas traballadoras desempregadas para prestar servizos en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. A primeira contratación indefinida inicial pola que se solicite subvención deberá formalizarse durante o primeiro ano de actividade. A segunda e terceira contratación indefinida poderán formalizarse ata o terceiro ano de actividade.
3. Será subvencionable a primeira contratación indefinida inicial cando na data na que se formalice o contrato polo que se solicita a subvención non houbera outra persoa traballadora contratada cunha relación laboral indefinida nin se houbera contratado con carácter indefinido, con anterioridade, a outra persoa traballadora agás que este contrato indefinido se extinguise por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora ou por resolución durante o período de proba.
4. Serán subvencionables a segunda e a terceira contratación indefinida inicial sempre que con anterioridade á formalización destes contratos non se houberan realizado dúas o máis contratacións indefinidas agás que estes contratos indefinidos anteriores se extinguisen por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora ou por resolución durante o período de proba.
5. O contrato indefinido inicial para que poida ser obxecto de subvención deberá formalizarse e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais pola primeira contratación que realicen con carácter indefinido durante o seu primeiro ano de actividade.
2. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais pola segunda e terceira contratación que realicen con carácter indefinido nos tres primeiros anos de actividade.
3. Non poderán ser beneficiarias as persoas que desenvolvesen como persoas traballadoras autónomas a mesma ou similar actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova situación de alta na Seguridade Social. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE).
4. Non poderán ser beneficiarias nin as sociedades civís nin as comunidades de bens, así como as persoas socias ou comuneiras que as integran nin os autónomos colaboradores.
5. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas nas que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia
6. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias as persoas solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme ao establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
7. A xustificación por parte das persoas solicitantes de non estar incursas nas prohibicións contidas nos números 5 e 6 anteriores para obter a condición de persoa beneficiaria realizarase mediante declaración responsable.
Prazo de solicitude
 As axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberán solicitarse ata o último día do segundo mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida pola que se solicita subvención. Se o último día de prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2016, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado no parágrafo anterior.