jueves, 28 de enero de 2016

AXUDAS DESTINADAS A ACCIÓNS DE FOMENTO DA PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS EN GALICIA 2016

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto a convocatoria pública como a execución das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais en Galicia, correspondentes ao exercicio de 2016, xestionadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Secretaría Xeral de Emprego.
2. A convocatoria das subvencións previstas nesta orde realizarase mediante réxime de concorrencia competitiva.
Liñas e o seu financiamento
1. Estas axudas se distribúen en dúas liñas:
a) Liña 1: programas de formación intersectorial en materia de prevención de riscos laborais de ámbito galego. Cun importe total de 300.000,00 euros.
b) Liña 2: outras accións de formación sectorial e de fomento da prevención de riscos laborais. Cun importe total de 1.190.000,00 euros.
2. Unha vez realizada a proposta de resolución, e para o caso de existir remanente de crédito nunha das liñas anteriores, este poderá acumularse á outra liña.
3. A resolución das axudas previstas nesta orde estará supeditada á existencia de crédito axeitado e suficiente no programa de gasto 09.40.324A.481.1, código de proxecto 2015/00507 no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.
4. Poderán ditarse resolucións complementarias cando existan fondos provenientes de renuncias de subvencións, inicialmente concedidas, ou doutros remanentes. Neste caso non poderán terse en conta outras solicitudes distintas das presentadas inicialmente.
5. Na liña 1, para o caso de que o orzamento dispoñible nesta liña, incluídas, de ser o caso, as incorporacións dos remanentes da liña 2, non sexa suficiente para cubrir todas as accións que sexan susceptibles de seren subvencionadas, establecerase un límite polo que, ningunha entidade beneficiaria poderá percibir, de dito orzamento dispoñible, unha contía que supere a proporción que lle corresponda en función da súa representatividade e, en todo caso, non poderá superar o 50 % de dito orzamento.
Entidades beneficiarias
1. As entidades beneficiarias serán:
a) Na liña 1: programas de formación intersectorial: as asociacións patronais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical, que recollan expresamente nos seus estatutos que teñen entre os seus fins o fomento da prevención de riscos laborais, e as organizacións sindicais con representatividade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de carácter intersectorial en ambos casos.
b) Na liña 2: outras accións de formación sectorial e fomento da prevención de riscos laborais:
1º. Fundacións sectoriais paritarias para a promoción da prevención da seguridade e saúde laboral, nadas da negociación colectiva ou de acordos sectoriais, con sede e actividade en Galicia.
2º. Organizacións sindicais con representatividade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto de carácter sectorial como intersectorial.
3º. Asociacións empresariais de ámbito galego, provincial ou autonómico, sectoriais ou intersectoriais, constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical, que recollan expresamente nos seus estatutos que teñen entre os seus fins o fomento da prevención de riscos laborais.
4º. Asociacións profesionais de traballadores e traballadoras autónomas rexistradas segundo o establecido no Decreto 406/2009, do 22 de outubro, que recollan expresamente nos seus estatutos que teñen entre os seus fins o fomento da prevención de riscos laborais.
2. Non obstante o indicado no apartado 1, de conformidade co establecido no artigo 8.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias poderán constituír agrupacións que terán tamén a condición de beneficiarias, de acordo co seguinte:
a) Os membros asociados da beneficiaria que se comprometan a executar a totalidade ou parte da actividade que fundamenta a concesión da subvención en nome e por conta desta. Neste caso, xunto coa solicitude deberán achegar certificado expedido por quen ostente estas facultades na organización, de acordo cos seus estatutos, no que se acredite a condición de membro asociado integrante desta e un compromiso formalizado entre ámbalas dúas entidades no que se determine a parte estimada do plan que ten previsto executar, que será subscrito pola representación legal de ámbalas dúas entidades segundo o modelo establecido no anexo V. En todo caso o pagamento da subvención efectuarase á beneficiaria principal.
b) As agrupacións formadas por organizacións ou entidades previstas na Liña 1 deste artigo e as entidades vinculadas a estas que teñan entre os seus fins o desenvolvemento de actividades formativas. Deberán nomear un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, corresponden a esta. Conxuntamente coa solicitude deberá achegarse copia compulsada do instrumento de formalización de dita agrupación, de data anterior á solicitude da subvención, e do compromiso de execución por escrito que deben formalizar as entidades agrupadas, segundo o modelo establecido no anexo VI, subscrito pola representación legal destas, concretando que partes do proxecto realizará cada entidade, así como o compromiso de responsabilidade solidaria dos seus membros ante á Secretaría Xeral de Emprego e de non disolución en tanto non transcorresen os prazos de prescrición legalmente previstos.
3. Non poderán ser beneficiarias:
a) Aquelas entidades nas que concorra algunha das circunstancias a que se refire o artigo 10, apartados 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) As administracións públicas, as sociedades públicas, nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.
c) As entidades de ámbito inferior ao provincial.
Prazo de solicitude
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.