miércoles, 19 de agosto de 2015

SUBVENCIÓNS PARA A PROMOCIÓN DO EMPREGO AUTÓNOMO DAS PERSOAS NOVAS INSCRITAS NO SISTEMA NACIONAL DE GARANTÍA XUVENIL

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR


Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do programa de promoción do emprego autónomo de persoas novas desempregadas inscritas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil e proceder á súa convocatoria para o ano 2015.
2. A finalidade deste programa é promover e axudar a financiar aqueles proxectos empresariais cunha viabilidade económica e financeira que facilitan a creación do seu propio posto de traballo ás persoas novas desempregadas que figuren inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil como interesadas en recibir as accións executadas no contexto da garantía xuvenil e que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia.
3. Ao abeiro desta orde subvencionaranse as altas na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional que, cumprindo os requisitos e condicións establecidas nela, se formalicen desde o 1 de outubro de 2014 ata o 30 de setembro de 2015, ambos inclusive.
Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa as persoas novas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil que procedan á creación do seu propio posto de traballo mediante a súa constitución en persoas traballadoras autónomas ou por conta propia, e que desenvolvan fundamentalmente a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo o modelo 036 ou 037), sempre que, cumprindo as condicións establecidas para cada tipo de axuda, reúnan os seguintes requisitos:
a) Estar inscrito no Sistema nacional de garantía xuvenil.
b) Non ter traballado nos trinta (30) días naturais anteriores á data de inicio de actividade laboral.
c) Terse dado de alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 1 de outubro de 2014 e o 30 de setembro de 2015, ambos inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación.
d) Non percibir subvencións ao abeiro dos distintos programas de promoción do emprego autónomo nos catro anos anteriores á data do inicio da nova actividade. Se no momento da solicitude da subvención a persoa non tivese solicitada a alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou mutualidade de colexio profesional, terase en conta a data de presentación da solicitude de subvención.
e) Non desenvolver como persoa traballadora autónoma a mesma ou similar actividade na mesma localidade, nos seis meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade, nin estivese de alta como persoa traballadora autónoma en calquera réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, sempre que a dita situación de alta presupoña actividade nos tres meses inmediatamente anteriores. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE). Este requisito non se aplicará á persoa traballadora autónoma colaboradora.
2. A persoas traballadora autónoma ou por conta propia poderá ser beneficiaria das axudas deste programa cando forme parte de comunidades de bens ou sociedades civís de nova creación, sempre que a solicite a título persoal. Neste caso, a comunidade de bens ou sociedade civil deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude de subvención.
Quedan excluídas deste programa as persoas socias de sociedades mercantís, cooperativas e sociedades laborais e os autónomos colaboradores.
3. Non poderán obter a condición de beneficiarios do programa regulado nesta orde as persoas en que concorran as circunstancias sinaladas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
4. Non poderá obter a condición de persoa beneficiaria cando estea excluída do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido nos artigos 46 e 46.bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
5. A xustificación por parte das persoas solicitantes de non estar incursas nas prohibicións, contidas nos números 3 e 4 anteriores, para obter a condición de beneficiaria realizarase mediante declaración responsable.
6. No suposto de subvencións solicitadas por persoa traballadora con discapacidade, ademais de cumprir os requisitos anteriores, deberá ter recoñecido pola Administración competente un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, de acordo coa definición do artigo 5.c).
Prazo de solicitude
O prazo para a presentación de solicitudes de axudas do Programa para a promoción do emprego autónomo das persoas novas inscritas no Sistema de garantía xuvenil comezará o día seguinte ao da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de setembro de 2015.