viernes, 17 de abril de 2015

PROGRAMA SERVIZO DE VOLUNTARIADO XUVENIL

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR


Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerán as subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e a entidades locais enmarcadas no programa Servizo de Voluntariado Xuvenil, desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2015, e proceder á súa convocatoria para o ano 2015. O dito programa consiste en incorporar ás entidades de acción voluntaria e ás entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia mozos/as galegos/as para a súa colaboración como voluntarias/os na realización dos proxectos de voluntariado que se presenten ao abeiro desta convocatoria e dentro das áreas prioritarias ás cales se refire o parágrafo 3 deste artigo.
2. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.
3. Serán subvencionables os proxectos de acción voluntaria presentados por entidades de acción voluntaria e entidades locais sempre que a dita acción voluntaria a desenvolvan mozos/as de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos -para os menores 18 anos precísase, ademais, autorización do pai/nai ou titor/a legal-, e que se realicen no ámbito territorial da Comunidade autónoma de Galicia, prioritaria, pero non exclusivamente, nalgunha das seguintes áreas:
– Actividades relacionadas co Camiño de Santiago.
– Actividades de recuperación da cultura/arte/tradicións populares galegas.
– Actividades con colectivos en situación de risco.
– Actividades xuvenís.
– Actividades ambientais.
– Actividades relacionadas coa igualdade de xénero.
– Posta en marcha de programas de voluntariado no ámbito familiar por parte das entidades.
4. Os proxectos de acción voluntaria subvencionables deberán ter unha duración comprendida entre 15 e 60 días. As xornadas diarias serán de 6 horas como mínimo, e se son inferiores, sumaranse as horas diarias ata completar xornadas de 6 horas.
5. Os proxectos de acción voluntaria deberán contar cunha descrición exhaustiva conforme o anexo I, así como do número de persoas voluntarias con que se conta para a súa realización e a participación destas no desenvolvemento dos proxectos.
6. Non se subvencionarán máis de 8 persoas voluntarias por proxecto, que deberán manter a súa acción voluntaria durante toda a duración deste. Ao finalizar os proxectos, as persoas voluntarias que participasen neles obterán da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado un certificado de educación non formal acreditativo da acción voluntaria desenvolvida.
7. As axudas poderán ser solicitadas por máis dunha entidade local conxuntamente baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, ou calquera outra similar...). Tamén poderán solicitar axudas as entidades locais que sexan resultado dunha fusión doutras anteriores. Neste caso, poderanse subvencionar ata un máximo de 20 persoas voluntarias.
8. No caso de que a solicitude a presenten varias entidades locais conxuntamente, os ditos concellos non poderán presentar solicitude de subvención a título individual para o mesmo ou distinto proxecto.
9. Se, por causas xustificadas, expresamente e logo de comunicación, algunha das persoas voluntarias tivese que abandonar o proxecto subvencionable antes de que remate este, terá que ser substituída por outra persoa voluntaria polo tempo restante, pero cada unha delas terá dereito ao aboamento dos gastos correspondentes polo tempo dedicado ao proxecto subvencionable de acordo co punto 4 do artigo 5.
Beneficiarias/os
As/os beneficiarias/os das axudas serán as entidades de acción voluntaria e as entidades locais que realicen proxectos de voluntariado enmarcados no programa Servizo de Voluntariado Xuvenil, desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2015.
Prazo de solicitude: ata o 18 de maio de 2015.