jueves, 30 de abril de 2015

SUBVENCIÓN PARA IMPLANTAR A RESPONSABILIDADE SOCIAL EMPRESARIAL E A IGUALDADE NAS PEMES.

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR


 Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións para o ano 2015, en réxime de concorrencia competitiva, a pequenas e medianas empresas (en diante, pemes), no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, para implantar a RSE, e para o fomento da igualdade laboral a través da implantación de plans de igualdade, da procura da conciliación da vida familiar e laboral, ou da eliminación da infrarrepresentación feminina.
Liñas e programas
1. Esta orde cobre as accións que se realicen entre o día 1 de xaneiro e o 15 de setembro de 2015.
2. As actuacións subvencionables desagréganse nas liñas I e II, e nos programas que se especifican a continuación:
a) Liña I. Axudas para implantar a RSE nas empresas galegas.
Mediante esta liña subvencionarase a formación do persoal das empresas para a adecuada elaboración dunha memoria de RSE.
b) Liña II. Axudas para o fomento da igualdade laboral.
Esta liña estrutúrase en tres programas:
1º. Programa 1. Axudas para a implantación de plans de igualdade nos termos e nos ámbitos definidos na Lei 2/2007, de traballo en igualdade das mulleres de Galicia, tanto de xeito voluntario como en cumprimento da obriga establecida nun convenio colectivo de ámbito superior á empresa. Polo tanto, este programa non será de aplicación ás empresas coa obriga legal de implantar plans de igualdade segundo o establecido no artigo 45.2 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo.
2º. Programa 2. Axudas para os investimentos tendentes a garantir e mellorar o dereito á conciliación da vida familiar e laboral.
3º. Programa 3. Axudas para investimentos tendentes á eliminación da infrarrepresentación feminina nos eidos laborais ocupados predominantemente por homes.
Requisitos xenéricos das empresas beneficiarias desta orde
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas privadas con domicilio social e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Así mesmo, poderán ser beneficiarias as empresas con axencia, sucursal, delegación ou calquera outra representación en Galicia sempre que teñan contratado un mínimo dun 10 % do seu persoal en Galicia e, cando menos, dez persoas.
3. As empresas beneficiarias deben reunir as seguintes condicións:
a) Que non superen os 50 millóns de euros de volume de negocio anual ou o seu balance anual sexa inferior a 43 millóns de euros.
b) Que conten cun número de persoas traballadoras inferior a 250. Para os efectos de determinar o número de persoas traballadoras na empresa, atenderase ao número de persoas traballadoras no momento da presentación da solicitude.
c) Non ser entidades sen ánimo de lucro.
d) Atoparse ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración xeral da comunidade autónoma, con anterioridade á proposta de resolución, así como, antes das correspondentes propostas de pagamento.
e) Cumprir todos os requisitos exixidos pola normativa en materia de axudas e subvencións e demais normas de aplicación.
f) Cumprir os requisitos específicos exixidos para cada liña das establecidas nesta orde.
4. En todo caso, nas axudas dos programas cofinanciados con FSE respectaranse as condicións da Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE modificada pola Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, e a Orde ESS/1337/2013, do 3 de xullo.
5. As empresas que resulten beneficiarias dos programas desta orde que sexan cofinanciados con fondos europeos deberán manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas de contabilidade nacional. De acordo co artigo 60.d) do Regulamento (CE) núm. 1083/2006, que regula as funcións da autoridade de xestión, a dita autoridade deberá asegurarse, no momento da emisión da resolución, de que as empresas beneficiarias das operacións manteñen o citado sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado.
Prazo de solicitude: ata o 30 de maio de 2015.