miércoles, 10 de diciembre de 2014

BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE AXUDA AO ALUGAMENTO DE VIVENDAS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS


Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto aprobar a bases polas que se rexerá na Comunidade Autónoma de Galicia a concesión das subvencións ao abeiro do Programa de axuda ao alugamento de vivendas do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, establecidas no Real decreto 233/2013, do 5 de abril (en diante, Plan estatal 2013-2016).
2. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) consonte o previsto no artigo 6.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. As bases reguladoras terán a vixencia ata o 31 de decembro de 2016, data en que rematará o Plan estatal 2013-2016.
Requisitos que deberán cumprir as persoas beneficiarias
1. Poderán solicitar as subvencións aquí reguladas as persoas físicas, maiores de idade que posúan a nacionalidade española, ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. No caso dos estranxeiros non comunitarios, deberán ter residencia legal en España.
2. Así mesmo, deberán cumprir as seguintes condicións:
a) Ser titular ou estar en condicións de subscribir un contrato de arrendamento de vivenda, con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado, en calidade de persoa arrendataria, nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.
b) Que a vivenda arrendada ou que se vai arrendar constitúa ou vaia constituír a residencia habitual e permanente da persoa arrendataria.
c) Que os ingresos das persoas que compoñen a unidade de convivencia que teñan, ou vaian ter, o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada, consten ou non como titulares do contrato de arrendamento, sexan en conxunto inferiores ao límite de ingresos establecido nas correspondentes convocatorias de axudas e nestas bases reguladoras.
d) Que a renda do contrato de arrendamento non supere a cantidade prevista nas correspondentes convocatorias de axudas, que en ningún caso poderá superar os 600 euros mensuais.
e) As persoas membros da unidade de convivencia deberán acreditar que se atopan ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teñen pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, do Estado e da Seguridade Social.
3. Non poderá concederse a axuda cando a persoa solicitante o algunha das que teña a súa residencia habitual e permanente na vivenda obxecto do contrato de arrendamento se atopen nalgunha das situacións indicadas no artigo 11.2 do Plan estatal 2013-2016. O cumprimento das citadas condicións acreditarase mediante a achega da documentación que, para tales efectos, se determine na resolución da convocatoria.
4. Non poderá obter a condición de persoa beneficiaria quen incorra nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, nin a quen se lle revogase algunha axuda deste ou dos anteriores plans de vivenda por causa imputable á persoa solicitante.
Prazos de resolución
O prazo máximo establecido para resolver e notificar a concesión das subvencións será de tres meses, contados desde a data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Vencido o prazo máximo establecido sen que se dite e notifique a resolución, as persoas solicitantes poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.